DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na sesión aprobáronse as contas de liquidación do orzamento da Universidade en 2016

O pleno do Consello Social trasládase por primeira vez á Escola Naval

O seu presidente, Ernesto Pedrosa, valorou a estabilidade económica da institución académica

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 30/06/2017

Nunha sesión que se desenvolvía por primeira vez na Escola Naval Militar de Marín, sede do Centro Universitario da Defensa, adscrito á institución académica, o pleno do Consello Social da Universidade de Vigo deu o seu visto e prace as contas de liquidación do orzamento da Universidade de Vigo do ano 2016, previamente aprobadas polo Consello de Goberno da institución académica. Así mesmo, no pleno celebrado este xoves nas instalacións de Marín, este órgano colexiado analizou tamén os informes de auditoría correspondentes ao pasado exercicio orzamentario, ao tempo que procedeu tamén á aprobación das contas das sociedades Cidade Universitaria, CITEXVI e Fundación Universidade de Vigo.

A liquidación do orzamento foi abordada nas súas intervencións polo reitor, Salustiano Mato, o vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García, e o xerente, Manuel Fernández Jáuregui, así como polo presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, quen sinalou que as contas amosan a “estabilidade, eficiencia e determinación”, dunha universidade “que usa de forma eficiente os recursos públicos ano tras ano”.

Pedrosa, así mesmo, valorou na súa intervención a conxelación por quinto ano consecutivo das taxas universitarias por parte da Xunta de Galicia, nunha sesión na que tamén se aprobaron, entre outros asuntos, a afectación do remanente de libre disposición correspondente ao expediente do edificio institucional que a institución académica construirá no Berbés, no casco vello de Vigo. O órgano colexiado tamén deu o seu visto e prace á concesión administrativa por dez anos máis do edificio no que se atopa a Escola Universitaria de Estudos Empresariais, en Torrecedeira, e ao regulamento para a xestión do patrimonio da institución universitaria.

O primeiro pleno na ENM

No marco da súa política de achegarse a diferentes organizacións, que levou a este órgano a desenvolver previamente os seus plenos no polígono empresarial de San Cibrao, en Ourense, e na sede do Consorcio Zona Franca, o Consello Social trasladou o seu pleno á Escola Naval Militar. Os membros do órgano foron recibidos polo seu comandante-director, José María Nuñez Torrente, e realizaron un pequeno percorrido polas súas instalacións.

Trala visita, Pedrosa valorou a acollida brindada polo centro militar, ao que definiu como un bo exemplo da “diversidade e responsabilidade” da Universidade, “e de como aproveita as posibilidades que ten para integrar e implicarse no territorio”. Nese mesmo senso, afirmou que “estar aquí é unha honra, pero tamén unha obriga, porque a presenza da Universidade sempre xera espazos sensibles de progreso, convivencia, tolerancia e saber”.