DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Todos os equipos deportivos do campus remataron a xornada por riba no marcador

Pleno de vitorias ourensás

A canteira do Campus Ourense de rugby participou na segunda concentración de categorías inferiores e

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 01/12/2014
Gran fin de semana para os equipos deportivos do campus ourensán, con pleno de vitorias nas categorías masculina e feminina tanto de rugby como de baloncesto. Mentres as xogadoras do Campus Ourense de rugby conseguían un indiscutible vitoria fronte ao equipo lucense, os de David Monreal facían o propio co Pontevedra RC, aínda que cun marcador menos avultado. Pola súa banda, os equipos de baloncesto masculino e feminino conseguían impoñerse pola mínima no marcador ao Mimela de A Estrada e ao CB Burela, respectivamente.

O equipo feminino de rugby, case campioas de inverno

A primeira volta da liga senior feminina de rugby rematou cunha espectacular vitoria do Campus Ourense ante o Muralla RC por un contundente 85 a 0 que deixa ás de Julio Lamana segundas na clasificación, empatadas a 20 puntos co CRAT. En total 13 ensaios anotados polas xogadoras ourensás e 10 patadas transformadas que lles deron a vitoria e certa calma antes de afrontar o período de descanso ata o vindeiro mes de xaneiro, cando dea comezo a segunda volta.

Tamén os de David Monreal volveron para casa con vitoria, neste caso ante o Pontevedra RC Os rapaces do Campus Ourense RC gañaron o partido por 18 a 0, o que os deixa na terceira posición da táboa con 14 puntos tras o CR Os Ingleses e o CR Ferrol. A vindeira semana, xornada de descanso.

Concentración en Vilagarcía

Esta fin de semana, Vilagarcía volvía a converterse na capital do rugby formativo, xa que contou coa presenza de todas as escolas deste deporte. As categorías inferiores de rugby base do Campus Ourense tamén participaron na segunda edición desta concentración, celebrada nas instalacións do Fontecarmoa, en Vilagarcía. Organizada pola Federación Galega de Rugby e con rapaces e rapazas de entre 5 e 14 anos de clubs de toda Galicia, tratouse dunha xornada de convivencia, competición e diversión para as futuras promesas deste deporte.

Axustadas vitorias en baloncesto

Os rapaces do Campus Ourense de baloncesto conseguiron a súa terceira vitoria a costa do estradense Mimela, que viu na cancha dos universitarios como se rompía a súa boa racha de cinco vitorias consecutivas. Os de Rubén Cortón impuxéronse dende o primeiro minuto aos de David González, que non souberon adaptarse ao ritmo dos ourensáns nin reaccionar a tempo. Sete puntos de vantaxe en case todo o encontro, os estradenses a remolque e un marcador final de 54 a 45 que deixaron ao Mimela a piques de perder o coliderado. Quintos na clasificatoria de cara ao próximo encontro, a domicilio contra o Baloncesto Cambre dentro de dúas semanas.

Mentres, pola súa banda, as xogadoras dirixidas por Gonzalo González conseguiron impoñerse ao CB Burela na súa cancha por un axustado 57 a 54 que as deixa quintas na clasificación. As rapazas do Universitario Campus Ourense terán que enfrontarse ao Arxil MAfari Café na quinta xornada de liga, que se disputará o vindeiro 7 de decembro.