DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co gallo do Día Mundial Forestal plantouse unha árbore en lembranza da vítimas do tsunami no país ni

O pobo xaponés bota raíces no campus

No acto tamén se reivindicou o papel da masa forestal na prevención de desastres naturais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 21/03/2012

Dende este mércores 21 de marzo, Día Mundial Forestal, o xardín do campus de Pontevedra conta entre as súas especies cunha cryptomeria japonica. Co gallo desta celebración, a Escola de Enxeñaría Forestal plantou unha árbore conmemorativa en lembranza das vítimas do tsunami sucedido hai un ano en Xapón, “para amosar o noso sentimento de solidariedade co país nipón”, sinalou o profesor Juan Picos. Esta iniciativa, organizada pola CREIF, Coordinadora de Representantes de Estudiantes de Ingeniería Forestal, en conxunto con outras catro universidades españolas, estivo amadriñada por Megumi Shiozawa, presidenta da asociación Casa Galicia-Xapón, que agradeceu a invitación a este acto no que a vicerreitora Antonia Blanco destacou o esforzo da escola “por trasladar os temas e preocupacións forestais ao resto da sociedade”.

O sugi, ou cryptomeria japonica, é a árbore máis común dos bosques xaponeses “e curiosamente unha especie que ten boa aclimatación en Galicia”, explicou o profesor Picos. Ademais de lembrar a catástrofe, a delegación de alumnos e a dirección da escola estiveron de acordo en homenaxear a un país cunha importante tradición forestal “e co que a nosa Universidade quere estreitar lazos de colaboración tanto no campo académico como científico” dado que a enxeñería forestal nipona é un referente. A modo de exemplo Juan Picos comentou que “Xapón xa loita dende hai máis de 30 anos contra o nematodo, unha praga da madeira de piñeiro recentemente atopada no sur de Pontevedra”, o que pon de manifesto a necesidade de establecer sinerxías entre os grupos de investigación de ambos países.

A protección do bosque ante os desastres naturais

No acto tamén se reivindicou o papel que as masas forestais poden xogar na prevención de desastres naturais. Tal como destacou Picos, “os bosques litorais poden reducir a forza, a profundidade e a velocidade dun tsunami, achegando unha protección case completa para ondas de 6 e 7 metros e minimizando os danos sobre propiedades e perda de vidas humanas”. Apuntou ademais que numerosos estudos científicos recollen que ante a ausencia de bosques litorais, maior será o mal ocasionado na zona costeira, de aí que o pobo xaponés “estea a facer un esforzo importante por recuperar o chan forestal danado para previr outras catástrofes e para rexenerar a vida piscícola das comunidades pesqueiras afectadas” xa que o marisqueo da zona “depende directamente do nivel de conservación dos bosques litorais”, aclarou o profesor.

Carácter nacional

Neste ano, as celebracións da Semana Mundial Forestal no campus pontevedrés adquiriron unha dimensión nacional ao estar organizadas en colaboración coas escolas forestais de Álava, Madrid, Valencia e Córdoba e coordinadas da man de Jennifer Souto, alumna da Universidade de Vigo e secretaria da CREIF. É a primeira vez que a escola pontevedresa participa activamente na organización desta celebración conxunta xa que en anos anteriores era común que cada universidade organizara os actos conmemorativos de forma individual. Este xoves a escola clausura o programa de actividades da Semana Mundial Forestal cun Trivial Forestal, “unha actividade lúdica e amena para fomentar o traballo en equipo e para que alumnado e profesorado poñan a proba os seus coñecementos sobre a materia”, sinalou Juan Picos.

O sugi non foi a única especie 'adoptada' neste Día Mundial Forestal polo campus de Pontevedra. Membros da comunidade universitaria quixeron lembrar a figura de Fernando Bandín, técnico da Biblioteca Central do campus que faleceu a semana pasada, plantando unha árbore en fronte da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.