DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O xornalista Juan de Dios Ramírez presenta no campus o estudo 'Periodistas contra el racismo 2010'

O pobo xitano demanda un trato neutral nos medios de comunicación

Unha das conclusións é que a prensa galega non fai un exercicio equilibrado da información

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 17/02/2012
Lograr que a prensa sexa neutral nas informacións referidas ao pobo xitano. Este é o obxectivo polo que leva loitando a organización Unión Romaní Española, que publica dende 1995 o estudo Periodistas contra el racismo, no que ano tras ano analiza como os medios de comunicación tratan as noticias sobre a comunidade xitana. O último estudo foi presentado este venres na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación polo xornalista Juan de Dios Ramírez Heredia, presidente da organización, acompañado polo decano da facultade, Juan Corbacho. Ramírez Heredia, primeiro deputado español e de etnia xintana, explicou que o primeiro paso para o desenvolvemento social desta comunidade pasa polo tratamento da súa imaxe pública, polo que cre imprescindible convencer aos medios de comunicación “para que nos traten con certa neutralidade nas súas informacións”.

Pertencente á comunidade xitana e cunha gran traxectoria política que o levou a ser deputado europeo, Juan de Dios Ramírez Heredia, sinalou que dende Unión Romaní estanse a desenvolver programas sociais de loita contra o analfabetismo, de promoción da muller xitana, cursos de formación profesional... “co obxecto de resolver os grandes problemas e necesidades deste pobo en España”. Agora ben, quixo deixar claro que estas medidas de carácter social non serán efectiva se previamente “non se gaña a batalla nos medios de comunicación social”, xa que “a imaxe que os xornalistas ofrecen inflúe na opinión pública”. En consecuencia, Ramírez Heredia definiu o estudo Periodistas contra el racismo como “un proxecto imprescindible e permanente, ocupando todos os demais un lugar secundario”.

Algunhas conclusións

Nestes estudos Unión Romaní analiza se a información recollida nos medios de comunicación beneficia, prexudica ou simplemente achega unha visión neutra sobre a comunidade xitana. A nivel xeral os resultados amosan que existe unha tendencia a ofrecer un tratamento imparcial, aínda que Ramírez Heredia advertiu que a situación actual de crise provoca que afloren sentimentos racistas “que culpan ao diferente, ao emigrante de todos os problemas do arredor”. No caso da prensa galega, o xornalista destacou que era unha das comunidades nas que menos tendencia había “a un tratamento neutro”, con maior número de exemplos de noticias cunha connotación negativa da comunidade.

Entre os datos máis significativos destacan que o 65% das noticias analizadas ofreceron un tratamento neutral de noticias referidas á comunidade xitana, sendo dun 15% as informacións negativas. Da mostra escollida soamente un 6% contou con fontes xitanas para a realización da información e como apuntaron dende a organización “a consulta de fontes é fundamental para non ofrecer unha visión parcial”. Madrid, Andalucía e Galicia son as comunidades autónomas que maior número de noticias publicaron sobre o pobo xitano, mentres que Andalucía é a que mellor trato achega e Cantabria rexistrou a maior porcentaxe de negatividade.

Unión Romaní optou desta vez por presentar o estudo polas facultades de comunicación españolas “pois é precisamente onde a nosa mensaxe pode atopar o maior número de aboados”, ademais de tentar trasladar dende a base aos futuros profesionais “a importancia da xustiza e da certeza”. Non obstante o xornalista deixou claro durante a súa presentación que a loita contra o racismo nos medios de comunicación “non soamente é produto dunha convicción intelectual, senón tamén de vísceras”.