DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo de investigación HealthyFit analiza a incidencia do exercicio en persoas cunha lipoprotenía

Pode combaterse con actividade física a predisposición xenética ao deterioro cognitivo?

O estudo busca confirmar se o deporte permite reducir uns residuos extracelulares que causan danos n

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 12/06/2014

Considerada un factor de risco na aparición da demencia nas persoas maiores, a lipoproteína Apoe converteuse no obxecto central da nova liña de estudo do grupo de investigación HealthyFit, que dirixe o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela. Diferentes estudos vinculan un determinado polimorfismo desta lipoproteína coa aparición dunha serie de lesións causantes do deterioro cognitivo e por ese motivo, tras constatar os beneficios que supón o exercicio aeróbico para aqueles que o padecen, este grupo de investigación trata agora de coñecer a incidencia que a actividade física pode ter naquelas persoas ás que o seu perfil xenético fai máis proclives a sufrir este deterioro.

O traballo desenvolvido nos últimos anos por este grupo multidisciplinar permitiu constatar que “a práctica de exercicio físico permite retardar os efectos do deterioro cognitivo leve”, como apunta Cancela, que explica tamén que “cando comezamos a traballar nisto vimos que había unha liña moi interesante, a xenética, sobre a que había moi poucos estudos”. Por iso, ao mesmo tempo que as conclusións do seu estudo sobre o deterioro cognitivo eran presentadas na reunión anual da Academia Americana de Neuroloxía, este grupo de investigación atopábase xa afondando nunha nova liña de traballo, centrada precisamente en coñecer “o efecto diferencial” que o perfil xenético pode supor neses beneficios que a actividade física ten á hora de reducir a incidencia dunha patoloxía que en determinados casos pode derivar en demencia ou alzheimer.

Actividade física para reducir os residuos extracelulares

Como explica Cancela, en función do noso ADN, esta lipoproteína ten unha determinada forma ou outra e existe un caso concreto, o correspondente ao polimorfismo Apoe-ε4, “no que está demostrado que esta lipoproteína é responsable do deterioro cognitivo, xa que ao seu redor créanse unha serie de residuos metaloides que provocan a aparición de danos neurolóxicos”. Por iso, coñecer como afecta o exercicio físico a persoas con diferentes polimorfismos e constatar se a práctica regular dunha actividade aeróbica de intensidade “permite reducir eses depósitos extracelulares de metaloides” son os obxectivos centrais dunha investigación na que tamén participan os profesores Gustavo Rodríguez, Carlos Ayán, Óscar García, Helena Vila e Iris Machado, o doutor Manuel García e a investigadora Almudena Mallo.

Neste senso, o proxecto Impacto da práctica do exercicio físico sobre o envellecemento activo parte da idea de que as persoas cunha lipoproteína Apoe-ε4 “non só presentarían unha maior probabilidade de padecer declive cognitivo, senón que tamén serían máis sensibles aos efectos do exercicio físico sobre o mesmo”, sinala Cancela. De aí que a investigación que HealthyFit desenvolverá durante os próximos tres anos tivese como punto de partida a selección dunha mostra de preto de 300 persoas maiores de 65 anos ás que se diagnosticou un deterioro cognitivo leve.

Bicicleta estática durante un ano

Coa colaboración do Centro de Investigación Médica Aplicada da Universidade de Navarra, realizarase un análise de ADN das persoas que se presentaron voluntarias para participar neste proxecto, para así coñecer o tipo de polimorfismo que teñen as lipoproteínas Apoe de cada un. A partires de aí, estas persoas realizaran durante un ano un exercicio aeróbico consistente en pedalear un mínimo de 15 minutos ao día nunha bicicleta estática. Tanto antes do inicio do período de estudo, como aos seis meses e no momento da súa finalización, realizarase aos participantes diferentes tests de memoria e outra serie de probas que midan a súa independencia funcional e a súa mobilidade co obxectivo de poder analizar a evolución sufrida ao longo deste período.