DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Curso de 'Creación de tipografía dixital' na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás

O poder ‘invisible’ da tipografía no deseño gráfico

O período de inscrición desde a plataforma Bubela remata mañá venres e a docencia dará comezo o próx

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 10/03/2011

A tipografía caracterízase pola súa discreción, pero o certo é que a súa correcta selección marca a diferenza entre un bo e un mal deseño gráfico. Debido a súa importancia, o interese dos profesionais, tanto pola súa aplicación práctica como teórica, vai en aumento. Para dar resposta a esta demanda xurde o obradoiro de Creación de tipografía dixital, coordinado polo docente en Belas Artes e director da Área de Imaxe da Universidade, Marcos Dopico, que considera este curso “vital para a formación dun deseñador gráfico”. Aberto para toda a cidadanía e gratuíto, o curso impartirase na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás e o período de inscrición, desde a plataforma Bubela, remata este venres.

Para o responsable do obradoiro, é importante que todos os profesionais do deseño gráfico “se sensibilicen coa disciplina” pois a tipografía é un elemento “omnipresente no noso traballo”. Considera que non é necesario converterse nun deseñador tipográfico, pero si “coñecer a historia da tipografía, porque xurdiron unhas formas nunha época ou noutra ou como aplicar a tipografía nun traballo editorial, corporativo ou web”. Este obradoiro afonda nesa visión xeral achegando aos asistentes coñecementos sobre os principios fundamentais da tipografía dixital, dos recursos técnicos e das ferramentas para ser quen de crear e desenvolver propostas creativas neste eido do deseño. Cunha visión moi práctica, o obradoiro inclúe todo o proceso de dixitalización dunha fonte, desde as técnicas de debuxo vectorial ata a xeración de novos formatos.

Unha disciplina ‘discreta’

A tipografía como disciplina “é algo no que ninguén repara”, o que resulta lóxico segundo Dopico pois “debe ser un vehículo de comunicación que debe pasar desapercibido, debe cumprir a súa función de lectura sen distraer ao espectador”. Agora ben, que o seu poder de persuasión “sexa discreto” non se traduce en que perda relevancia, pois nesta confusión é onde aparece “o feísmo gráfico con fenómenos como a Comic Sans, unha tipografía deseñada para un público infantil e utilizada sen sentido en calquera contexto”, subliña o docente.

Grazas ao desenvolvemento da tecnoloxía dixital na década dos oitenta, o campo da tipografía foi gañando adeptos e estase a converter nun terreo “de auténtica experimentación”. Este interese está avalado ademais pola cada vez maior cantidade de información visual, polo que a tipografía está substituíndo á anterior tendencia de confiar toda a identidade corporativa a un símbolo. Isto provoca que “a creación tipográfica se estea a converter no elemento gráfico que máis define a unha marca”, engade Dopico.

Próximos retos

Aínda que a súa vertente práctica se atopa bastante consolidada, o certo é que a tipografía comeza a propoñerse como terreo de investigación académica, cunha orientación “máis expresiva, estudada desde a forma, tratándoa como unha imaxe máis”, engade o experto. Conclúe que o reto principal pasa por “acadar unha sensibilidade arredor desta disciplina que provoque unha mellora na calidade dos proxectos de deseño”.

O curso de Creación de tipografía dixital, de carácter presencial, ten unha duración de doce horas repartidas entre os días 14, 16, 18, 21, 23 e 25 de marzo en horario de 19.00 a 21.00 h.