DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Bughard Baltrusch reflexiona sobre o I Congreso Internacional sobre Discurso non Lírico

A poesía contemporánea recolle as problemáticas da sociedade actual

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 29/04/2011
“Foron dous intensos días de traballo nos que se evidenciaron que a poesía contemporánea está intimamente relacionada coas principais problemáticas da nosa actualidade- sexan estas filosóficas, sociolóxicas, históricas, políticas, sistémicas, etc…”. Son algunhas das reflexións que fai o profesor Burghard Baltrusch tras o remate en Vigo do I Congreso Internacional sobre Discurso non Lírico na Poesía Contemporánea.

As contribucións e os debates, que se desenvolveron ao longo desta semana, evidenciaron, salienta o coordinador do encontro, un acordo unánime no sentido de que non é doado establecer unha dicotomía entre o 'lírico' e o 'non lírico', “posto que isto significaría recaer no binarismo occidental”. Polo contrario, desde o seu punto de vista, é necesario enfocar o 'non lírico' como unha grande variedade de discursos formais, estéticos, mediais, teóricos, ideolóxicos, etc., que subxace, directa ou indirectamente, á maioría da produción poética do momento.

“Unha forma de vida”

Outra conclusión, na que coincidiron practicamente todas as contribucións, é a falta de ferramentas teóricas metodolóxicas axeitadas e comunmente aceptadas para describir e interpretar a enorme heteroxeneidade de aspectos implicados na constitución do fenómeno poético actual. “Esta circunstancia esixe unha reorientación das disciplinas da literatura comparada e da teoría da literatura, como quedou moi evidente a través das contribucións de Daniel Chamberlain, Margalida Pons e Arturo Casas”, recalca Baltrusch, ao tempo que subliña que o vindeiro ano se publicarán en formato libro todas as conclusións do encontro.

Á hora de facer balance, o coordinador do congreso salienta que a poesía, en toda a multiplicidade das súas posíbeis aparencias, tería que ser entendida, sobre todo, como unha forma de vida. Neste sentido, Daniel F. Chamberlain evocou unha "potential ethical nature of poetry", mentres que Cornelia Gräbner advertiu que, na reavaliación sistémica da poesía a partir dun impulso ético sería preferíbel "crear imaxinarios" para evitar o perigo da creación de novas ideoloxías (totalitarias).

Exposición: "Edición Pirata"

Ao abeiro do congreso a biblitoca da Facultade de Filolxía e Tradución, onde tivo lugar o encontro, acolle ata o vindeiro 16 de maio a exposición de obxectos poéticos Edición Pirata de Pepe Cáccamo.