DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu unha nova edición da ‘Resaca das letras’

Poesía e documentais que se entrelazan por obra e graza do idioma

O acto contou coa participación dos directores Antón Cascudo, Eloy Domínguez e Comba Campoy

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 29/05/2014

“Celebrar que os galegos non somos analfabetos na nosa lingua” é, como resalta o profesor Benigno Fernández, a principal motivación da Resaca das letras, a actividade coa que desde hai máis dunha década a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación conmemora o Días das Letras Galegas con algo de retraso. “Nesa semana sempre hai moitos actos, polo que optamos por prolongar a celebración uns días despois”, explica este docente, responsable xunto coa profesora Beli Martínez dunha iniciativa dedicada a recordar e recoñecer a aquelas persoas que centran os seus esforzos no ámbito da creación e que teñen no idioma o seu nexo de unión. Desta volta, o eixo da que foi presentada como a "resaca das resacas" foi o cinema documental, grazas á proxección dos traballos de Antón Cascudo, Eloy Domínguez e Comba Campoy, que se combinaron neste acto co recitado de diferentes poemas en galego por parte do alumnado.

Amosar os proxectos de tres “novos valores do cinema documental galego”, foi pois o eixo central desta Resaca das letras, que buscaba afondar no papel que poden xogar as novas xeracións. Non en van, como destacou Fernández, Galicia padece na actualidade “un grave problema interxeracional” polo que “a xente nova deixou de escoitar á vella”, cuestión que vincula ao feito de que nos últimos 30 anos o galego pasase de ser a lingua do 70% da poboación a ser só empregada polo 40% dos galegos e galegas. “Agora precisamos un cambio no sentido inverso”, engadiu o organizador desta xornada na que o alumnado puido intercambiar impresións con tres directores “que primeiro tiveron que escribir as súas ideas para logo poder traérnolas en imaxes”.

Xosé María Díaz Castro, ese gran descoñecido

Dado que neste 2014 o Día das Letras Galegas foi dedicado ao poeta Xosé María Díaz Castro, non había mellor opción para dar comezo unha actividade que entrelazaba poesía e cinema que facelo con O instante eterno, o documental no que Antón Cascudo propón unha “revisión global” da vida e a obra do poeta. “Un gran descoñecido para o público e para gran parte da cultura galega, incluso para os seus propios veciños”, deste xeito presentou Cascudo a un escritor que só publicou un único libro, Nimbos. Foi precisamente o 50 aniversario da edición deste traballo o que motivou en 2011 o inicio dun “pequeno proxecto” que buscaba dar a coñecer a figura daquel poeta de Guitiriz a través do relato das persoas que o coñeceran e de estudosos da súa obra. Desde entón, aquela iniciativa foi avanzando “aos poucos” coa idea de ver a luz en febreiro deste ano, coincidindo co centenario do nacemento do autor. Mais uns meses antes, produciuse unha “feliz coincidencia”, como a definiu Cascudo, a Real Academia Galega fixo público que Díaz Castro sería o escritor homenaxeado no 2014. Foi así, por obra e graza das letras galegas, como este proxecto nacido no seo dunha asociación cultural “se sobredimensionou” e obtivo “unha difusión extraordinaria”, que foi máis aló de Galicia para chegar a ser proxectado en Bilbao ou Sevilla.

Mais non só Cascudo recordou nesta Resaca das letras ao poeta lucense, senón que este tamén foi un dos autores escollidos polo alumnado para o recital poético que se foi intercalando coas proxeccións. Como explica Fernández, para este acto convidouse aos estudantes a dar lectura ao poema que eles quixeran, o que deu pé a un recital do máis variado, no que os versos de Rosalía de Castro ou Xulio Valcárcel se combinaron con textos elaborados polos propios estudantes ou os seus familiares e traducións ao galego de escritores como a catalá Joanna Raspall.

Diálogos que marcan o futuro dun proxecto

Tras O instante eterno, o acto continuou coa proxección de Pettring, unha curtametraxe na que Eloy Domínguez reflicte como foron os seus primeiros meses como emigrante en Suecia. Xunto a este proxecto, este cineasta achegou tamén ao alumnado os 25 primeiros minutos dunha longametraxe documental na que está a traballar actualmente e na que retrata como é a vida nunha vila de Noruega próxima ao Círculo Polar Ártico, que en decembro só ten unha hora de luz ao día. Neste senso, Domínguez salientou o valor que ten para el poder compartir impresións co público sobre un documental aínda non rematado, que levará o título de Midwinter. “Gústame moito poder dialogar coa audiencia sobre un proxecto aínda en proceso, porque grazas ao debate xorden suxestións que poden ser moi interesantes á hora de completar o traballo”, apuntou.

Por último, esta Resaca das letras completouse coa proxección de Morreu o Demo, acabou-se a peseta, un documental no que Comba Campoy recupera a figura de Barriga Verde, a personaxe máis importante do teatro de marionetas da Galicia de posguerra.