DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Francisco Fernández Naval, Chisco, na inauguración dos XXI Encontros Literarios:

“O poeta procura a música como algo vital”

Luis Eduardo Aute e Xosé Carlos Caneiro completan o programa da cita literaria de referencia na cida

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 25/01/2011
“O poeta procura a música como algo vital”. Con esta premisa e como poeta que é, o escritor ourensán Francisco Fernández Naval, Chisco, inaugurou este luns os XXI Encontros Literarios do Liceo afondando na intensa relación entre música e literatura, tema destes encontros. Para facelo, Fernández Naval valeuse de dous elementos que lle son moi familiares e queridos, como son o canto dos paxaros e o son da choiva, e fixo un percorrido por como as sensibilidades doutros escritores recolleron esta frutífera simbiose entre as artes.

Xabier Casares, vicepresidente da Fundación Carlos Casares, que colabora coa Deputación Provincial e a Vicerreitoría do Campus de Ourense na organización dos encontros, foi o encargado de presentar a Fernández Naval como o autor dunha ampla obra literaria en galego, na que destacan títulos como Bater de Sombras, O Bosque das Antas e Miño.

Facendo gala das súas dotes de narrador, Fernández Naval comezou o seu relatorio explicando que “máis alá das cousas que un escribe, un recoñece na súa literatura elementos transversais, que no meu caso son o cine, os paxaros e a música”. Do cine, asegurou, xa ten falado en diferentes ocasións, así que aproveitou os outros dous elementos e a choiva para guiar toda a súa intervención nestes encontros literarios.

Para Fernández Naval "o canto dos paxaros é a primeira lingua e polo tanto a primeira das literaturas e o poeta é como o paxaro que eleva a condición do home a través do canto”, salientou. Afondando nesta visión poética da relación entre música e palabra, o escritor ourensán "explicou" o “nacemento da música” no paseo dun pai e un fillo baixo a choiva na que o rapaz lle pregunta ao pai “parará papá?” e o pai lle contesta “parará Panchín” e da insistencia do fillo na pregunta e da insistencia do pai na resposta nacerá un “parará papá parará panchín” como xérmolo metafórico e entrañable da música.

A separación da música e a poesía

No seu percorrido pola visión que da relación entre a música e a literatura teñen diferentes escritores, especialmente poetas, Fernández Naval fixo fincapé en que “todas as artes aspiran á condición de música pero o poeta procúraa como algo esencial”. Para o escritor ourensán a relación entre estas artes foi especialmente intensa ata a chegada da imprenta, pois a música sempre acompañaba á poesía como parte dela. Coa chegada do libro, a poesía, explicou Fernández Naval, pasa a empregar outros soportes nos que a música non está explicita pero, sinalou, seguiu presente a través do uso na escrita de recursos da oralidade, como son o ritmo, as repeticións ou a redundancias.

Con este relatorio Fernández Naval inaugurou os XXI Encontros Literarios do Liceo, que continuarán o vindeiro 3 de febreiro cun recital titulado Poemas de Amor para Tempos Difíciles, a cargo do escritor ourensán Xosé Carlos Caneiro e o guitarrista Xosé Manuel Salgado. Tamén está previsto que se achegue a Ourense para participar nestas xornadas o cantautor Luis Eduardo Aute, que estaba previsto que inaugurase os encontros pero que tivo que aprazar a súa intervención.