DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado da facultade fórmase por primeira vez nestes clubs

Poio FS e Rápido de Bouzas súmanse á oferta de prácticas de Ciencias da Educación e do Deporte

O vicedecano Roberto Barcala destaca o valor de que o estudantado poida traballar nun “contexto depo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 23/01/2014

Formar parte, aínda que só sexa por unhas semanas, do equipo de preparadores físicos dun club deportivo pode resultar unha experiencia moi valiosa para o alumnado do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Por iso, o abano de entidades deportivas que se poñen a disposición dos estudantes de último curso para as súas prácticas curriculares amplíase cada ano na Facultade Ciencias da Educación e do Deporte. Neste 2014, veñen de sumarse á oferta do centro o Rápido de Bouzas e o Poio-Pescamar Fútbol Sala, que, trala sinatura dun convenio coa Universidade, reciben por primeira vez a estudantes desta facultade.

“A nosa idea é ir ampliando o número de acordos cos clubs, porque cada vez é maior a demanda de alumnos que queren especializarse nunha área concreta e con estas bolsas pre-profesionais poden poñer en práctica os seus coñecementos teóricos nun contexto deportivo real”, destaca Roberto Barcala, vicedecano de Estudos de Grao, Prácticum e Formación Continua. De feito, na actualidade son preto de 20 as entidades deportivas que desde esta semana acollen a universitarios. Entre elas, figuran clubs como o Celta, o Santiago Futsal, a SD Teucro ou Pontevedra CF. “Esta facultade leva anos traballando cos mellores clubs deportivos nos distintos ámbitos, ata houbo xente que fixo as súas prácticas no FC Barcelona”, salienta Barcala.

Traballando para crear bos deportistas

Entre as entidades que esta semana recibiron por primeira vez ao alumnado da facultade atópase o Rápido de Bouzas, no que realiza as súas prácticas Beni Díaz, un estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte que destaca a importancia de que “nos permitan traballar e desenvolver os nosos coñecementos”. Neste senso, recoñece que “o Rápido é un club que traballa moi ben, no que a preparación física está moi ben dirixida e no que estamos coordinados por licenciados ou graduados da facultade, que xa pasaron por esta experiencia, o que facilita moito a aprendizaxe”.

Nesta experiencia pre-profesional, Díaz exerce como preparador físico dos infantís do club de Bouzas, axudando na planificación dos adestramentos e avaliando o rendemento dos xogadores, con Juan Recondo, un egresado da facultade, como titor. “Gústame o fútbol e apetecíame traballar coa base porque creo que é importante formar ben aos máis novos para crear bos deportistas e bos hábitos deportivos. Como dicía Guardiola, os bos profesionais deben traballar na base”, apunta con humor Díaz, que só ve un pero na etapa que vén de comezar, “que só dura un mes”.

Alumnos convertidos en titores

Para Roberto Barcala, traballar con deportistas supón para o alumnado un “cambio cualitativo na percepción que teñen da súa formación”, ao que contribúe o feito que “en moitos casos sexan ex-alumnos da facultade os que agora exercen de titores das prácticas, o que xera un feedback moi interesante”. Iso foi o que aconteceu no Rápido de Bouzas, pero tamén na outra entidade que vén de asinar un convenio coa Universidade, o Poio-Pescamar. Neste club de fútbol sala traballa Carlos Lagos Fuentes, graduado en Ciencias da Educación e do Deporte que actualmente cursa o Máster en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde e que hai un ano vivía a súa experiencia como bolseiro no Santiago Futsal. Desta volta exerce de titor dos dous estudantes que desde esta semana se forman neste club, cos que intenta “aplicar a experiencia que eu vivín para que vexan ata que punto os contidos teóricos se poden levar a realidade e poidan ver desde dentro como funciona un club de elite”, apunta.