DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Santa Martínez, ex-alumna da escola, abriu a xornada cun relatorio sobre o espazo e a astronomía

Polbo, churrasco e gaitas confirman o espírito popular do novo San Teleco

A cantante de hip hop e alumna da escola, Aid, foi a encargada do pregón

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
S. Alcázar DUVI 04/11/2009

Dende primeira hora da mañá rexistrábase movemento na ETSE de Telecomunicación para ultimar os derradeiros detalles do festexo do seu patrón. A xornada comezou coa intervención de Santa Martínez, ex-alumna da escola, que impartiu un relatorio titulado The European Space Astronomy Centre. A invitada amosou aos asistentes as actividades e proxectos nos que está involucrada e relatou as súas experiencias profesionais. Ao rematar a conferencia, os alumnos máis novos presentaron publicamente ao Meco, feito por eles mesmos, e trasladárono en procesión ata a porta da escola, onde foi recibido polos asistentes entre ovacións para dar comezo xa á romaría do San Teleco 09.

“A mellor festa do mundo”

Anécdotas, chistes e aclamacións ao patrón conformaron o pregón que abriu a xornada festiva. O discurso estivo a cargo de Aid, cantante de hip hop e alumna de 2º de Enxeñaría en Telecomunicación. Na súa intervención relatou de forma cómica as súas experiencias na escola nos seus tempos de novata coas que os asistentes se sentiron identificados. Para finalizar, a cantante declarou que “San Teleco é a mellor festa do mundo” e enxalzou ao patrón da escola ao berro de “Viva San Teleco!”desatando a euforia dos seus compañeiros que se uniron á aclamación. A rapeira tamén foi a encargada de entregar os premios aos gañadores nas diferentes competicións que se celebraron durante a Semana Cultural mentres que na carpa instalada nas inmediacións do centro os asistentes facían cola para degustar o polbo á feira, a empanada e o churrasco que acompañaban con cervexa e viño. O grupo de gaitas Faíscas encárgase de amenizar a romaría con música popular galega e despois a festa seguirá pola noite na sala Mondo con rock, funk e a actuación de DJs.

Triunfo da romaría popular

A organización de San Teleco volveu a apostar este ano pola celebración dunha romaría popular galega que substituíu ao botellón de edicións anteriores. Con esta iniciativa, posta en marcha o pasado ano, o alumnado da ETSE de Telecomunicación pretende voltar ás orixes da celebración, que se transformara nunha masificación concentrada na Praza Miralles na que participaban moitas persoas alleas á escola. A xornada de hoxe é froito do grande esforzo feito polos compoñentes da organización, que este ano só contaba con oito membros o que supuxo que o traballo fose máis duro. A pesares dos inconvenientes, amosáronse moi satisfeitos co resultado e deron a súa opinión sobre a nova forma de festexar San Teleco. “Coa celebración da romaría popular o festexo do patrón da escola deixou de ser unha sinxela concentración para consumir alcohol e gañou en identidade” comentou Alicia Pérez .“É moito mellor así porque é unha festa máis propia e participan máis estudantes e profesores do centro”comentou outro membro da organización. A festa tradicional tamén contou co apoio da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, que se encargou do financiamento desta iniciativa.