DUVI

Diario da Universidade de Vigo

II Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública

“A política de comunicación da Casa Real baséase en medidas paliativas, van por detrás dos acontecementos”

O profesor Fernando Ramos disertou sobre a imaxe pública da monarquía española

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
DUVI 17/04/2013
En crise, pero non por primeira vez. Para o profesor Fernando Ramos, a monarquía española está nun momento complicado pero antes houbo outros ao longo da historia, que foron facendo aumentar a desaprobación que os cidadáns teñen desta institución. Esta falta de empatía prodúcese principalmente entre as novas xeracións, ás que “a Transición xa lles queda lonxe no tempo, pero este non é momento de referendums sobre a instauración dunha república, porque España ten problemas máis importantes”. Esta foi unha da reflexións que o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e presidente da Academia Internacional de Protocolo da OICP, achegou no primeiro día das II Xornadas Internacionais de Comunicación Institucional e Imaxe Pública. XIII Curso de Comunicación e Protocolo, que el mesmo dirixe.

Nestes tempos convulsos para a institución monárquica, o profesor Ramos considera errada a estratexia de comunicación e de protocolo da Casa Real, que semella “que aplica medidas paliativas, poñendo parches” en lugar de adoptar unha política comunicativa sopesada. “Son constantes idas e vidas, por exemplo no tocante á presenza da infanta Elena en actos oficiais”, destacaba, “non buscan solucións senón saír do paso en cada momento e van por detrás dos acontecementos”. Ramos referiuse á imputación da infanta Cristina e do seu marido, Iñaki Urdangarín, á polémica viaxe de caza a Botswana e á máis controvertida aínda desculpa do xefe do Estado. Sobre esta última, o profesor considera que foi “pouco natural” e subliñou que cando un se desculpa, debe dicir por que o fai, “a súa linguaxe non verbal facíao pouco crible”. A relación do rei Juan Carlos coa princesa Corina foi outro dos temas aos que se referiu o poñente, que incidiu en que “o rei é a imaxe do rei, é dicir, non ten vida privada, a súa vida privada é tamén pública”. Con todo, apuntou tamén que a Casa Real reflicte, igual que o resto da sociedade, a crise de moral que se da nestes tempo, “afecta a todo, incluso á monarquía”.

Os príncipes de Asturias toman o relevo con “dignidade”

Ante os múltiples frontes abertos na Casa Real, os príncipes de Asturias van aumentado cada vez máis a súa presenza pública e, segundo Ramos, estano facendo con certa “dignidade”. A aposta é clara polas novas xeracións, por Felipe e Letizia e as súas fillas, xa que son figuras “menos contaminadas e o príncipe está levando ben o peso, pero non ten o carisma do seu pai e isto vaille pasar factura”. Unha mostra deste impulso á imaxe do herdeiro é a renovación da web da Casa Real, cunha foto do rei, do fillo e da neta maior, tres xeracións que queren transmitir “continuidade”, pero é tan só “unha renovación superficial”, conclúe.

Homenaxe a Alfonso Cabaleiro

No acto inaugural, Fernando Ramos destacou o constante incremento de asistentes a estas xornadas, o que demostra que os temas que se trataron son de interese e actualidade. Na súa opinión, “a experiencia doutros anos fai que cada vez máis os alumnos e profesionais sintan interese por acudir a esta cita“, para moitos ineludible nas súas axendas. Xunto con el, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa deu a benvida aos asistentes e entregaron a Alfonso Cabaleiro o recoñecemento como profesor honorario. Antes do comezo do relatorio inaugural, que correu a cargo de Dolores del Mar Sánchez, directora do mestrado en Protocolo da UNED, Alfonso Cabaleiro, ex secretario xeral de Medios Informativos da Xunta, foi galardoado co diploma de “profesor honorario” destes ditos cursos. Segundo explicou o profesor Ramos, “trátase dun recoñecemento simbólico polo apoio que tradicionalmente prestou a estas xornadas, unhas das máis lonxevas da institución viguesa”.

300 inscritos, 27 relatores e dous días de conferencias

Nesta décimo terceira edición están inscritos máis de 300 alumnos e alumnas tanto da Universidade de Vigo como doutros centros de Galicia, e participarán 27 profesionais que entre este mércores e mañá xoves tratarán temas como o protocolo na organización de eventos, o vestiario cerimonial, o protocolo e o luxo, o protocolo en eventos cinematográficos, a organización de mesas presidenciais, e execución da botadura dun barco, a retransmisión televisiva de acontecementos solemnes, o protocolo en eventos deportivos, a visibilidade do Consello Social da Universidade ou concepto de Marca España.

O longo do día iranse sucedendo as presentación de profesionais que abordarán a actualidades das relacións públicas, o ceremonial e o protocolo no ámbito local. Ademais, trataranse temas de gran relevancia a nivel autonómico e nacional acerca da problemática que segue a ter a configuración do protocolo aplicada a diferentes ámbitos. Así mediante a colaboración de profesionais do sector, os asistentes poderán coñecer como é o sistema protocolario aplicado a diferentes campos como é o cine, a política ou a realeza.