DUVI

Diario da Universidade de Vigo

36 expertos de Europa e América no seminario ‘Políticas de conciliación, permisos parentais e empreg

Políticas de conciliación anticuadas frean o avance cara a igualdade

España ten que superar catro defectos que xiran arredor do emprego feminino e da protección social

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 19/10/2011

A diferenza é evidente: mentres que só un 38% das catedráticas teñen algún fillo, se o que ocupa o cargo é un home ter nenos axuda a acelerar a súa carreira profesional. Este dato recollido no Libro Branco da Muller na Ciencia non fai máis que reflectir unha realidade que se da en cada aspecto da vida cotiá. Co obxectivo de intercambiar modelos de conciliación, boas prácticas e "aprender mutuamente" o Palacio de Congresos 'Mar de Vigo' acolle entre hoxe mércores e mañá o Seminario Internacional Políticas de Conciliación, permisos parentais e emprego, que reunirá a 36 expertos de Europa e América que debaterán sobre o bo camiño a seguir. "España ten moito que mellorar porque as nosas políticas son moito máis antigas que as que se aplican noutros países europeos nos que podemos inspirarnos", recorda Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, departamento organizador das xornadas.

O camiño por percorrer aínda é moi longo, xa que segundo os expertos as políticas de conciliación españolas teñen "todos os defectos malos", que xirarían arredor de catro eixos relacionados co emprego e coa protección social: a baixa taxa de emprego feminino; uns permisos de crianzas de fillos moi loingos pero non retribuídos, o que provoca que as mulleres se afasten definitivamente do mercado laboral; pouca protección social; e un insuficiente entramado de servizos públicos de calidade tanto para a atención e coidado de nenos como de maiores, sobre todo dependentes. Pero a catro meses da entrada en vigor obrigatoria en todos os países membros da nova directiva da Unión Europea sobre permisos por tenencia de fillos, España está "moi verde". "Necesitamos unha reforma legal radical para, por así dicilo, dirixir as políticas familiares. Debemos correr máis e esta normativa europea é unha oportunidade. Hai modelos para copiar, pero falta compromiso", recoñece Cabeza.

Os países mediterráneos, o vagón de cola de Europa

En cuestión de conciliación laboral e familiar, España é "un mal exemplo" que comparte co resto de estados da zona do Mediterráneo, unha cuestión territorial baseada no papel que desemprega a muller nestes países: son as principais responsables do coidado familiar, con menos empregabilidade, menos retribucións e menos servizos sociais dos que dispoñer. Por iso, á hora de buscar modelos os expertos miran cara o norte, onde levan dende os anos 70 buscando medidas para acadar a igualdade. A estela de Canadá, Suecia ou Finlandia foi a que seguir Alemaña, que pasou de ser un "modelo bastante discutible a dar un cambio radical dende hai cinco anos e mellorar a súa política de protección familiar, a acurtar os permisos de crianza de fillos...".

Superar o desigual reparto de roles

A discriminación familiar é unha das principales eivas a superar, cambiando patróns sociolóxicos e estereotipos. O tradicional reparto de roles, co home encargado da función produtiva e a muller da reprodutiva, que a leva ao coidado do fogar e da familia, obriga a que cando elas se incorporan ao mundo laboral sexan necesarios permisos que faciliten a compatibilidade do emprego coa familia. "Aínda que na actualidade os permisos parentais poden ser disfrutados indistintamente polo pai ou a nai, a realidade é que seguen sendo maioritariamente as mulleres as que se acollen a eles. Iso tradúcese nunha situación de desigualdade na contorna laboral: a muller é vista polo empresario como menos produtiva e máis cara, mentres que no home se percibe unha maior implicación coa empresa e unha maior predisposición a facer horas extraordinarias. No fondo é unha discriminación por razón de sexo", salienta Marta Rodríguez, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social.

Conciliación en tempos de crise

Os expertos non son moi optimistas co futuro, sobre todo tendo en conta o actual panorama económico e que o obxectivo para a Estratexia Local de Emprego 2020 é que traballen o 75% das persoas que teñan entre 20 e 64 anos. "As políticas de conciliación pasan a segundo plano en tempos de crise e iso é un erro monstruoso. Hai que ser moi belixerantes, moi reivindicativos, porque os cambios teñen que ser xa a pesar de que a realidade sexa moi hostil", apunta Cabeza.

Con este seminario internacional, que reúne a especialistas de España, Estados Unidos, Noruega, Bulgaria, Italia, Reino Unido e Francia, preténdese levar a cabo un debate cunha perspectiva global e internacional e sacar unhas conclusións das que "a Universidade de Vigo debe tomar boa nota para impulsar os seus plans de igualdade. A institución viguesa está por riba da media nesta cuestión, pero aínda temos moito que mellorar, moito que percorrer. O seminario arroxará algo de luz a como conseguir os obxectivos, que ás veces é o máis difícil", puntualizou o reitor vigués Salustiano Mato.