DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible

Políticas europeas de cambio climático, contadas en 1ª persoa

A directora de Medio Ambiente para Europa da multinacional Alcoa relata no campus a súa experiencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 18/01/2010

“Cada tres meses a túa lata de Coca-Cola pode volver a estar na túa man”, este é un exemplo dos moitos que poden darse da importancia que ten a reciclaxe para lograr o desenvolvemento sostible, unha meta difícil de acadar pero a que todos agardamos chegar. Foi tamén un dos exemplos que lles expuxo esta tarde Rosa García, directora de Medio Ambiente para Europa da multinacional Alcoa, aos estudantes do Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible que, da súa man, puideron achegarse a unha profesional que vive en primeira persoa os diferentes aspectos vinculados coas políticas europeas de cambio climático.
García fixo un debuxo preciso das diferentes tendencias europeas no ámbito do desenvolvemento sostible, “un campo no que somos pioneiros en Europa e no que o resto do mundo vai a remolque”, aseguroulles. Como exemplo, non dubidou en salientar a importancia de todo o que se está lexislando a nivel europeo en relación coa política de etiquetado dos produtos. “Neste liña podo asegurarvos que, en breve, todos os aparellos que poidan estar relacionados co consumo enerxético contarán cunha etiqueta en función do ciclo de vida do produto e do seu coeficiente de transmisión enerxética”, sinalou, en referencia a que na actualidade este tipo de etiquetaxe xa é habitual en produtos coma os electrodomésticos pero que isto se irá estendendo de xeito progresivo e, “por exemplo, as ventás, que tamén inflúen na eficiencia enerxética dun edificio, tamén terán que ter esta etiqueta.
Botando unha ollada a un dos nosos países veciños, Francia, García explicou como alí todos os produtos que saen ao mercado levan na etiqueta a pegada do carbono, un indicador que calou moi ben na sociedade e “que todo o mundo entende ou, cando menos, é consciente de que canto menor sexa mellor”.

O aluminio reciclado usa só o 5% da enerxía consumida para fabricalo

Ao longo da súa intervención a executiva de Alcoa, primeira produtora de aluminio do mundo, subliñou tamén a importancia de estudar o ciclo de vida dos produtos e, sobre todo, de facelo de xeito total e non parcial ou “como din os americanos de facelo do berce á tumba”, indicoulles, xa que produtos coma o aluminio poden reciclarse de xeito indefinido sen que en ningún intre perdan calidade. “O aluminio reciclado usa só o 5% da enerxía consumida para fabricar aluminio virxe de aí a importancia que para nós ten a reciclaxe e, de aí tamén, o noso esforzo en conseguir cada vez máis lexislación nesta liña”, insistiu.
A longa vida deste material permitiría aforrar moitas toneladas de dióxido de carbono polo que, segundo expuxo, sería fundamental fomentar a súa utilización fronte a outro tipo de produtos que, aínda que a priori puidesen ter unha pegada de carbono menor, teñen procesos de reciclaxe máis caros e complicados ou, simplemente, non poden reciclarse.<

Titulada pola Universidade traballou nos cinco continentes

Ademais de profesional de referencia no eido que están a estudar, a visita ás aulas da Universidade de Vigo de Rosa García foi tamén un bo exemplo para todos os estudantes, xa que ela saíu tamén destas mesmas aulas hai pouco máis de dez anos. Galega de nacemento, chegou á Universidade no ano 92 onde se formou como enxeñeira en organización industrial. Poucos anos despois iniciou a súa traxectoria nesta multinacional, un labor profesional que a levou a desenvolver o seu traballo en diferentes lugares dos cinco continente “salvo na Antártida xa traballei en todos eles”, subliñoulles.
Á hora de aconsellalos non o dubidou: sempre que poidades non o dubidedes, realizade estancias no estranxeiro, “pode ser un ano, dous, cinco ou dez como levo eu pero é algo que debedes facer”. “O traballo en grandes multinacionais e moi enriquecedor e dáche unha perspectiva que non consegues por moito que estudes se reduces ás túas miras ao ámbito local”.