DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marta Lois, profesora e investigadora da USC, afondou na institucionalización da perspectiva de xéne

As políticas de igualdade, un investimento máis que un gasto

A experta sinalou que a crise económica sérvelles “de escusa” aos gobernos para non achegar financia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijóo DUVI 16/04/2012

Un artigo de El País publicado a semana pasada sobre o futuro do Instituto da Muller serviulle a Marta Lois, profesora de Ciencia Política da Universidade de Santiago de Compostela, para afondar na etapa de incerteza que atravesan as políticas de igualdade logradas ata o momento en España “e que custaron tanto tempo e esforzo levantar”. Convidada pola Área de Ciencia Política e da Administración e pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, a experta sinalou como as forzas públicas se “aproveitan” da crise económica actual para deixar de financiar políticas de igualdade de xénero. “No contexto público, semella que coas medidas de xénero malgástanse recursos, e en realidade son políticas destinadas a conseguir unha sociedade máis xusta e democrática”, apuntou Lois.

Aínda que a experta destacou unha evolución progresiva en materia de igualdade ata 2008, “ano no que se deu a cota máxima de compromiso”, nestes momentos estase a vivir un retroceso coa desaparición de organismos e políticas de xénero dada a falta de recursos. Segundo a profesora da USC, os gobernos empregan como xustificante a austeridade para deixar de apoiar economicamente a estes organismos “valéndose de argumentos como a racionalización ou a eficacia, para quitarlles importancia e peso na sociedade”. Ante este contexto, Marta Lois defendeu que as políticas de xénero son “un elemento central” para conseguir o máximo grao de calidade na xestión pública, “sen embargo o poder opta por eliminar cuestións vitais que nada tiveron que ver cos motivos da crise”.

Falta de compromiso político

Dada a situación actual, a investigadora da USC non observa perspectiva de cambio a curto prazo. “Nestes momentos tócanos vivir camiños bastante dubidosos e pedregosos”, o que exemplificou coa desaparición do Servizo Galego de Igualdade tras 19 anos de “incansable” traballo ou co futuro incerto do Instituto da Muller. “Que a institución que marcou o nacemento das políticas de igualdade en España se atope orfa, sen unha persoa que a dirixa, amosa unha ausencia de vontade e de compromiso político”, reflexionou a experta. Así mesmo destacou que moitas das medidas de xénero “están freadas, paralizadas ou simplemente desmanteladas” polo que demanda da sociedade unha actitude proactiva e de defensa dos intereses de xénero “para que non boten abaixo todo o que nos custou levantar sen loitar”.

Tres campos de actuación

A pesar da incerteza e do retroceso actual, Marta Lois considerou que a igualdade de xénero si que logrou institucionalizarse grazas aos tres campos de actuación que as políticas e organismos foron abordando ao longo da democracia. Como describiu a profesora, nos anos 70 eran comúns as políticas de igualdade de oportunidades, “nas que se reformulaban as normas vixentes para eliminar contidos discriminatorios e se redactaban novas leis específicas sobre a violencia de xénero, a conciliación...". Os anos 90 deixaron paso ás políticas de discriminación positiva “que establecían medidas pensadas para a muller co obxectivo de salvar desvantaxes de partida” e, posteriormente apareceron as políticas transversais, motivadas polas recomendacións que a Unión Europea realizaba a cada país membro en materia de igualdade. “Esta última acción insta a redefinir as súas políticas sectoriais incluíndo en todas elas unha perspectiva de xénero, pero atópase cunha certa reticencia por parte de determinados responsables, sobre todo aqueles vinculados ao máis groso da política, que se retraen a aceptala”, apuntou Lois.