DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marcelino Oreja impartiu unha conferencia na Escola Naval, no marco da Cátedra Álvarez-Ossorio

Políticas de seguridade e defensa para que a UE "lidere a renovación da orde internacional"

O ex-ministro defende que Europa debe ir máis aló do económico e potenciar a súa vocación de "actor

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 22/05/2014

Ante os novos retos e ameazas que supón a globalización, a Unión Europea debe converterse “nun actor serio e crible na escena internacional”, a xuízo do ex-ministro de Exteriores Marcelino Oreja, para o que a UE “debe ir máis aló de exercer como un xigante económico e comercial”. Por ese motivo, na conferencia que este xoves impartiu na Escola Naval Militar de Marín, este político e diplomático reivindicou a importancia de que a UE desenvolva o seu propio modelo de política exterior en materia de seguridade e defensa para que, “nun escenario de cambios radicais a nivel mundial, potencie a súa vocación de actor global e lidere a renovación da orde internacional”.

“Agora, máis que nunca, os cidadáns piden á UE un maior liderado no mundo”, afirmou Oreja nun relatorio enmarcado na Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a Universidade e o centro militar desenvolven conxuntamente co obxecto de “abrir á escola á sociedade”, como salientou o director da cátedra, Rafael Ceñal. Na conferencia que clausurou o ciclo que se desenvolveu no centro dos últimos meses, o que fora ministro de Exteriores no primeiro Goberno de Adolfo Suárez centrou a súa intervención en dúas políticas comunitarias “que permaneceron ocultas durante bastante tempo e tardaron moito en construírse”, as relativas á seguridade e á defensa.

Como o propio Oreja recoñeceu, seguridade e defensa son dous temas “dos que non se fala moito” no ámbito comunitario, pero nos que si se teñen dado pasos nos últimos anos, “aínda que algúns pensamos que aínda non se desenvolveron o suficiente”. Neste senso, o ex-ministro e ex-comisario europeo aclarou que o obxectivo non é tanto transformar a Unión Europea “nun poder militar, como convertela nun actor crible e eficaz”, capaz de responder aos novos problemas e ameazas. “A imparable globalización achegou maiores oportunidades e máis riqueza, pero tamén provocou que as ameazas sexan máis complexas”, opinou Oreja, que puxo o acento en varios dos retos que a UE deberá afrontar a través dunha política exterior común, como “a proliferación das armas de destrución masiva”, o terrorismo e o crime organizado, os problemas de seguridade enerxética, o cambio climático ou os “conflitos rexionais”.

Neste senso, Oreja lembrou que a guerra dos Balcáns, na década de 1990, demostrou que a UE era “incapaz de solucionar unha crise”. Por aquel entón, “os problemas de política exterior afrontábase individualmente ou a través da OTAN”, afirmou Oreja, que recoñeceu, non obstante, que nos últimos anos as institucións comunitarias “puxéronse mans á obra para solucionar esas carencias e hoxe existe un compromiso para traballar xuntos en materia de seguridade”.

Un proceso iniciado hai máis de 40 anos

Antes de analizar os novos retos aos que se enfronta Europa en materia de política exterior, Oreja realizou un percorrido pola construción da Unión Europea, “que co tempo se ten revelado como unha estrutura de paz e estabilidade”. Por ese motivo, quixo recoñecer como “visionarios” a aqueles homes como Jean Monnet que, trala Segunda Guerra Mundial, “tiveron a idea dunha comunidade europea cando era case unha extravagancia”.

Mais os grandes avances en materia comercial ou económica non trouxeron consigo o desenvolvemento dunha política exterior comunitaria, para o que houbo que agardar ata o tratado de Maastricht, en 1992, considerado por Oreja como “un punto de inflexión”, xunto coa caída do muro de Berlín, para “sentar as bases” das políticas de seguridade común e de defensa, que non comezaron a desenvolverse ata finais daquela década, relatou.

A importancia dos comicios do domingo

A celebración este domingo das eleccións ao Parlamento Europeo motivou que Oreja comezase a súa intervención lamentando “o pouco que se está a falar de Europa” na campaña electoral. Neste senso, o que fora eurodeputado entre 1989 e 1993 alertou da “sensación de distanciamento e crítica ás institucións” comunitarias que actualmente percibe en España e lembrou que, despois das eleccións de 1977, o Goberno do que formaba parte solicitou a adhesión a UE “co apoio de todas as forzas políticas”.

“De Europa vén o 80% da nosa lexislación”, recalcou Oreja, que considera un “erro gravísimo banalizar a importancia” do parlamento comunitario. “Non somos o suficientemente conscientes da importancia que teñen as eleccións deste domingo”, concluíu.