DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Integrantes do proxecto"Explorando nuevas políticas urbanas", dirixido por Joan Subirats, reúnense e

As políticas urbanas de sete grandes cidades españolas a estudo

Argimiro Rojo, Álvaro López Mira e Enrique José Varela encárganse da análise da cidade olívica

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/06/2010
Analizar as políticas urbanas nas grandes cidades españolas durante os últimos 30 anos, estudar a súa evolución e determinar as insuficiencias para así formular estratexias que respondan ao novos retos, son os obxectivos dos integrantes do proxecto Explorando nuevas políticas urbanas que este xoves e venres, celebran en Vigo a súa cuarta reunión de traballo ao longo dos dous anos de duración do proxecto.
Baixo a dirección do catedrático Joan Subirats, docentes de sete universidades, entre elas a de Vigo, traballan na análise doutras tantas cidades españolas, nun estudo que no ten precedentes no país e co que se pretende, segundo o catedrático catalán, “dar resposta a unha preocupación crecente no ámbito internacional sobre as políticas urbanas”. Xunto ao catedrático catalán, Mariona Tomás, Marc Martí e Mariela Iglesias, da Universitat Autònoma de Barcelona; María Luisa Lourés e Xavi Ginés da Universitat de València; María Elena Gadea da Universidad de Murcia; Patricia Campelo da Universidad del País Vasco; Manuel Fernández da Universidad de Sevilla e Argimiro Rojo, Álvaro López Mira e Enrique José Varela da Universidade de Vigo, integran grupo de traballo do proxecto Explorando nuevas políticas urbanas que desenvolve unha análise comparada do sistema de Barcelona, Madrid, Valencia, Sevilla, Bilbao, Murcia e Vigo, sete cidades que representan o 40% da poboación de toda España.

Máis que un manual descritivo

O estudo parte de tres hipóteses. En primeiro lugar que as políticas teñen sido excesivamente urbanísticas, “confundindo o urbanismo, a construción, co urbano”, explica Subirats. A segunda das hipóteses fai referencia a un exceso de localismo ata o de agora nas políticas urbanas que segundo se contempla na terceira da hipóteses, están moi centradas no institucional,”no que fan os concellos sen incorporar outros actores”, explica o catedrático da Universitat Autònoma de Barcelona. Pero ademais de constatar estas hipóteses, o estudo tamén quere afondar nas diferenzas entre as cidades escollidas e todo isto non só cunha finalidade descritiva, senón con propostas concretas. “Agora estamos finalizando a fase de análise de cidade e tamén as análises máis transversais e tamén temos que facer as conclusións xerais que serán publicadas nun libro que non pretendemos que sexa só un manual descritivo, senón que conteña propostas que podan mellorar as nosas cidades”, sinalaba Subirats á saída da reunión celebrada no Edificio Miralles do campus de Vigo, ao tempo que confirmaba a idea que este proxecto que finaliza o vindeiro ano continúe adiante ata 2013 incorporando novas grandes cidades como Las Palmas, Zaragoza o Valladolid para continuar afondando nas políticas urbanas.

O caso de Vigo, unha cidade percibida en moitos casos en clave negativa

Argimiro Rojo, Álvaro López Mira e Enrique José Varela, conforman o equipo de politólogos da Universidade de Vigo que participa no proxecto no que foron os últimos en incorporarse, pero no que Rojo ten claro que “era bo entrar polas singularidades da cidade de Vigo”. O catedrático do departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía da Universidade de Vigo incide na oportunidade que supón participar dun estudo destas características que “pode arroxar importantes e esclarecedores datos para Vigo, unha cidade percibida en moitos casos en clave negativa, que non tivo ese punto de boa gobernanza para acadar importante obxectivos e que polo tanto pode ser un elemento de análise útil para a nosa cidade”. Para Rojo, Vigo é unha cidade que durante a democracia tivo unha serie de gobernos que non foron quen de exercer un labor de líder e un efecto aglutinador, “debilidades que repercuten no día a día e na percepción de fracaso fronte a outras cidades”, sinala.