DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado de Publicidade logra promover un convenio entre a Universidade e o Banco de Alimentos

Pont-e recada 400 kilos de comida en menos de seis horas

Contaron coa colaboración solidaria de varios institutos e escolas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 16/03/2011

“Dona os kilos que che sobran”. Con ese lema o grupo Pont-e, con sede en Facebook, formado por alumnado de cuarto de Publicidade e Relacións Públicas, promoveu a Operación Kilo na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, unha acción solidaria realizada en colaboración co Banco de Alimentos, coa que conseguiron unha recadación total de 400 kilos en menos de seis horas. Debido á consolidación desta actividade, que se leva realizando desde o 2009, a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, anunciou a intención de establecer un convenio coa institución para “poñer en valor estas accións sociais promovidas polo propio alumnado”.

Deste xeito, a Vicerreitoría do campus quere concretar baixo a sinatura dun convenio de colaboración, “todas estas iniciativas que se levan a cabo dunha maneira máis voluntarista por parte do profesorado e estudantado”, comentou Antonia Blanco. Engadiu ademais que estas accións “son un exemplo claro do compromiso da xente nova co voluntariado e coa vida social” polo que se iniciarán os trámites para establecer unha relación a longo prazo co Banco de Alimentos “que apoie e protexa aos nosos alumnos e alumnas e poidan así traballar nesas institucións realizando prácticas de voluntariado”. Para a profesora coordinadora do grupo Pont-e, Isabel Suárez, este tivo de iniciativas “vinculan á Universidade co mundo real, coa súa contorna máis inmediata, botando a man nestes tempos difíciles”.

Solidariedade a través da rede

Esta terceira edición da Operación Kilo duplicou a recadación de 200 kilos do ano anterior, chegando a reunir un total de 400, “superando en tres horas o conseguido en anos anteriores”, engadiu Suárez. Este ano Pont-e contou coa colaboración solidaria dos IES A Xunqueira I e II e do CEIP A Xunqueira, próximos á Facultade de Ciencias Sociais, que tamén “achegaron o seu gran de area”. Ao mesmo tempo, esta vinculación cos institutos e escolas permitiulle a Pont-e “transmitir aos máis pequenos, que comezan a empregar as redes sociais para quedar e subir arquivos, que as novas tecnoloxías serven para algo máis, para unir á xente e para promover cousas boas”, aclarou a profesora.

Ademais, a organización deste tipo de actividades resultan unha aplicación práctica do ensinado sobre redes sociais nas clases teóricas, “pois o estudantado comproba de primeira man o éxito ou fracaso de promovelas, o esforzo que supón e os resultados que acadan, aproximándoos á realidade profesional”, concluíu Suárez.