DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de 4º de Publicidade organiza unha 'Operación Kilo' en colaboración co Banco de Alimentos

Pont-e recada máis dunha tonelada de comida

Conta coa colaboración solidaria de cadeas de alimentación así como de institutos e escolas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 08/03/2012

Aprender axudando. Este é o lema do grupo Pont-e, que naceu baixo o amparo de Facebook en 2009 e que segue vixente grazas a unha nova xeración de alumnos e alumnas de último curso de Publicidade e Relacións Públicas, dirixido pola profesora Isabel Suárez. Desta volta, o grupo quixo amosar o seu lado máis solidario promovendo unha Operación Kilo en colaboración co Banco de Alimentos, “unha iniciativa coa que axudamos a moitas familias e coa que aprendemos a planificar unha campaña de promoción”, explica Sofía Andreu, voceira do grupo. Tal foi o alcance da acción, que en todo o día foron quen de recadar 1300 quilos de comida "superando a cantidade de anos anteriores e cumprindo o obxectivo de conseguir a tonelada marcado dende un principio”, engade.

Co fin de recadar os máis de 1000 quilos de comida, o grupo estivo máis dunha semana inmerso en traballos de planificación “tanto polas redes sociais como pola rúa, animando a participar a todo o mundo e buscando colaboracións que poidan contribuír de forma efectiva”, salienta Andreu. Tanto é así que a súa campaña de promoción deu os seus froitos ao conseguir que Gadisa “doara 100 quilos de comida”, así como a cooperación de tendas ecolóxicas pontevedresas como Corporativa Arbórea e Mundo Verde que contribuíron á causa con 20 kg de produtos ecolóxicos.

Para que o horario non fose un impedimento, Pont-e mantivo aberta a Operación Kilo ata as 21.00 horas en todos os puntos de recollida que este ano tamén se incrementaron ao contar co apoio dos colexios e institutos IES A Xunqueira I e II, os CEIP a Xunqueira I e II, Los Cerezos e San José. “Consideramos que as escolas son uns colaboradores excepcionais xa que nenos e nenas sempre se amosan moi receptivos, ademais de fomentar entre os máis novos valores como o da solidariedade”, engade a voceira.

Satisfacción dobre

Para os membros de Pont-e, esta Operación Kilo supón “unha satisfacción dobre, xa que á vez que axudamos estamos desenvolvendo unha auténtica campaña de publicidade cuns bos resultados”. Este grupo con sede en Facebook naceu hai catro anos como unha forma de achegar ao alumnado a unha experiencia práctica de planificación online, de aí que esta iniciativa de recollida de alimentos esconda todo un traballo de deseño, planificación e estratexia publicitaria. “Empregamos todos os medios dispoñibles: redes sociais, cadeas de contactos, marketing viral, pegada de carteis... para que a acción tivese o maior alcance posible e non pasase desapercibida para ninguén”. Trátase de que o estudantado comprobe de primeira man “o éxito ou fracaso de promover unha campaña, o esforzo que supón e os resultados que se poden acadar, aproximándonos á realidade profesional”, apunta Andreu.

Esta iniciativa, tal como sinalan os representantes do Banco de Alimentos, “é unha pequena grande achega” para cubrir as necesidades dos comedores sociais “que cada vez están máis desbordados pola situación de crise que se está a vivir”. Tanto Pont-e como os membros da asociación destacan o aumento dunha conciencia solidaria entre a cidadanía pontevedresa “pois desta volta a precariedade toca moito máis de preto ao comprobar como coñecidos recorren aos servizos dos comedores sociais”, reflexionan.