DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda edición deste evento terá lugar os días 25 e 26 nas rúas de Pontevedra

Pont-Up Store cita para setembro aos novos emprendedores

Poden presentarse proxectos con ata 42 meses de existencia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 30/07/2015

Emprendedores, profesionais, alumnado, investidores, institucións, empresas, patrocinadores e medios de comunicación que desexen apoiar a innovación, a colaboración, a formación, o financiamento e o emprendemento creativo. Todos estes colectivos están chamados a participar os días 25 e 26 de setembro en Pont-Up Store, unha iniciativa que se consolida nesta segunda edición como un referente no panorama do emprendemento galego e que terá como escenario as rúas da cidade de Pontevedra.

Este xoves presentouse no Concello de Pontevedra a web da iniciativa e adiantáronse algunhas das características da edición deste ano de Pont-Up Store, que está promovida polo campus de Pontevedra e que conta co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e doutras entidades, como son o Consello Social da Universidade de Vigo, a Zona Franca de Vigo, Abanca, a Deputación de Pontevedra e o Igape. Durante a presentación, Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus de Pontevedra, destacou a aposta da Universidade de Vigo por este tipo de iniciativas que “teñen por obxecto incitar á xente a emprender”. Con esta segunda edición, subliñou Pedro Figueroa, director do grupo de investigación G4 Plus da Universidade de Vigo e impulsor do evento, “buscamos visibilizar aos novos emprendedores para que poidan amosar os seus produtos”. Pola súa banda, Anabel Gulías, concelleira de Turismo, fixo fincapé na importancia de “axudar a consolidar Pontevedra como un espazo de emprendemento, dando saída ao talento da xente, xerando valor engadido e creando traballo diferente e alternativo”.

Visibilizar, vender e promover

Segundo explicaron na presentación, o obxectivo principal de Pont-Up Store é facilitarlles aos novos emprendedores e emprendedoras un espazo para visibilizar e promover a súa marca, os seus proxectos empresariais e a busca de financiamento externo, ademais de ofrecerlles un lugar onde testar e vender os seus produtos ou servizos e proporcionarlles un marco de relación e intercambio de experiencias con diferentes axentes do ecosistema emprendedor. O encontro pretende tamén animar a futuros emprendedores a concretar a súa idea de negocio e promover a cultura do emprendemento ao tempo que se lles proporciona aos visitantes unha experiencia de ocio e aprendizaxe.

Pont-Up Store, que naceu o ano pasado dentro da IV Conferencia Ibérica de Emprendemento, está dirixido a novos proxectos con menos de 3,5 anos (42 meses) dende a creación da empresa. O encontro contará cunhas xornadas previas entre o 22 e o 24 de setembro nas que se desenvolverá un extenso programa de charlas, mesas redondas, obradoiros, traballo en rede e demostracións, con poñentes de primeiro nivel no ámbito galego que compartirán as súas experiencias, o seu coñecemento e o seu tempo cos participantes. Os emprendedores poderán escoller entre tres modalidades de participación: dispoñer dun posto de xeito gratuíto durante os dous días do encontro para dar a coñecer os seus proxectos; propoñer actividades que se incluirán dentro do programa do evento, ou participar no apartado 10 minutos de gloria presentando a súa idea, proxecto ou empresa en formato 'flash’, con dez minutos e dez imaxes.

A inscrición de proxectos é gratuíta a través da web e estará aberta ata o 9 de setembro. Participar é de balde, pero será preciso que superar un proceso de selección no que se aplicarán criterios de valoración sobre o grao de innovación para o mercado, sustentabilidade e valor social (no caso de emprendemento social), creatividade da proposta de actividades e de dinamización do evento, entre outros.