DUVI

Diario da Universidade de Vigo

40 empresas amosan os seus produtos e servizos neste evento do Campus CREA S2i

O Pont-Up Store converte Pontevedra no escaparate do emprendemento

Un laboratorio de fabricación dixital e un espazo de degustación, novidades desta edición

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 22/09/2017

Xente que se atreve a soñar. Ese é o lema da cuarta edición do Pont-Up Store, un evento promovido pola Universidade de Vigo, dentro do proxecto de especialización CREA S2i, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal, dirixido a dar apoio e visibilidade aos novos emprendedores e emprendedoras. 40 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria, que son “a constatación dun futuro prometedor” para o emprendemento en Galicia, como salienta o director do evento, Pedro Figueroa, dan a coñecer os seus produtos e servizos nas xornadas de venres e sábado no recinto instalado na Praza de España. Fano nos stands e nas actividades que engloba un evento que fai de Pontevedra “un escaparate da innovación, da creatividade e da vangarda de todos os emprendedores e emprendedoras de Galicia”, como engadiu no acto de apertura a vicerreitora de Estudantes, Dolores González.

“Esta edición é un paso decisivo na consolidación do Pont-Up”, engadiu Figueroa, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, quen destacou que “os 40 emprendedores seleccionados de entre 120 candidaturas chegadas de toda Galicia son unha mostra da creatividade e innovación que existe no país”, nun acto que contou tamén coa participación do vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. O rexedor destacou a “consolidación dun evento que vai xa pola súa cuarta edición”, a cooperación entre 35 institucións e empresas e a confianza á hora de mirar cara o futuro que achegan os emprendedores e emprendedoras participantes nas tres modalidades, os stands do recinto, a organización de actividades de dinamización e a participación no Puntazo Exprés, no que deberán expoñer a súa idea de negocio a responsables de cinco empresas xa consolidadas.

Ámbitos como as TIC, a alimentación, o deseño, a moda, a arte ou a cultura están representados nos proxectos seleccionados para un evento que Dolores González destacou como unha das referencias do labor que a institución académica vén desenvolvendo a prol da “difusión da cultura do emprendemento”, xunto con programas de formación transversais para o alumnado ou a preincubadora Incuvi-Emprende. Un dos proxectos premiados da primeira edición desta iniciativa foi precisamente, lembrou a responsable da Área de Emprego e Emprendemento, a empresa Monet Viticultura, que dous anos despois formaba parte dos expositores do Pont-Up Store e que nesta edición retorna como unha das empresas que no Puntazo Exprés, “escoita e asesora aos novos emprendedores”.

Este acto de apertura contou así mesmo coas intervención de Guillermo Viña, xerente de Igape Nova; Alberto Ramos, xerente de Alianzas Estratéxicas de R; José Luis Ramírez, director de zona de Abanca, e Carmen San Martín, directora de Camp Tecnológico Galicia.

Da 'food-truck' ao 'fab-lab'

Como lembrou Figueroa, ser un escaparate do emprendemento obriga a “ser innovadores permanentemente” e de aí que neste 2017 se incorporen novidades ao recinto como un espazo de degustación, con presenza de iniciativas como a food-truck PonteVan, promovida por catro centros de ensino da cidade, coa colaboración da Universidade. Tamén que o recinto teña como prolongación a Sala X de Belas Artes e na sala de exposicións da Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que acollen desde este mércores un laboratorio de fabricación dixital no que se levan a cabo diferentes obradoiros, coloquios e actividades. Esta tarde preséntase neste espazo a solución impresa xerada no obradoiro Fabricando Cidade, e celébranse tamén un obradoiro para docentes e familias e un taller de robótica para os máis novos.

Así mesmo, o programa do Pont-Up, que botou a andar este xoves coa súa xornada previa, aglutina ao seu redor preto de 40 actividades, como coloquios ou seminarios, que constitúen, como lembrou Figueroa, “unha oportunidade de formación para os emprendedores actuais e potenciais”. Nesta xornada de venres o elenco de actividades complétase de feito cunha sesión de networking aberta aos preto de 200 emprendedores e emprendedoras que participaron nas catro edicións do Pont-Up, o coloquio que Abanca promove no Café Moderno ou as actividades que a Comunidade WordPress de Pontevedra desenvolve en Belas Artes, así como coa celebración do Puntazo Exprés no museo.

Para mañá, sábado, está programada a Xincana Bike, orientada a desenvolver a iniciativa e o traballo en equipo entre nenas e nenos de ata 14 anos, xunto coas actividades sobre mentoring que a Fundación Ronsel e a Asociación Española de Mentoring desenvolverán no Casino.

Un escaparate para empresas moi diversas

Entre as 34 empresas que amosan os seus produtos nos stands do Pont-Up figuran iniciativas como un localizador de tendas e produtos, bnoecos personalizados, construción ecolóxica ou a fabricación de bicicletas con bambú de 7Varas. “Isto é un escaparate e para empresas que estamos empezando é unha grande oportunidade”, salienta no posto desta empresa de Cedeira Silvia Vázquez. “Sorpréndeme a cantidade de xente que se achega por aquí”, engade Silvia Vidal, de Kiare Innovarte Floral, que acudiu ao evento co propósito de “dar a coñecer a empresa e un produto que non é moi coñecido”, como son os kokedamas, plantas que medran nunha bola de terra recuberta de musgo.

Entre as e os participantes figuran tamén egresadas da Universidade como a ourensá Sara Pato, unha graduada en Educación Social que hai dous anos impulsou Dopra, unha empresa de bixutería e deseño de complementos feitos a man. “Intento promocionar un pouco a firma e esta é unha oportunidade boa e gratuíta”, salienta desta iniciativa. María Rey e Bea Mazaira, pola súa banda, son dúas egresadas da Facultade de Belas Artes que impulsaron Martina Dadá, unha empresa que traballa nos eidos da organización de eventos e actividades de dinamización cultural e da educación non formal, que acoden ao Pont-Up para presentar á empresa que presentaban no mes de xullo.