DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 5 de xuño, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e no Museo Verbum

Ponte... nas Ondas! celebra o 15 aniversario de promoción do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués

Esta edición céntrase na procura e presentación dos “tesouros vivos” da Eurorrexión

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 27/05/2009

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! está de aniversario e con este motivo o día 5 de xuño celebrará a XV Xornada da Comunicación Interescolar. 24 horas de programación emitidas en directo por UvigoTv e a propia web da asociación para todo o mundo.
Trátase dunha experiencia de comunicación que ven fomentando dende os seus comezos a interacción entre os centros educativos principalmente galegos e portugueses, pero tamén de outras partes do mundo, “co obxectivo de poñer en valor a cultura común e o patrimonio inmaterial galego-portugués, buscando elementos culturais transfronteirizos”, sinala Xerardo Feijóo, secretario da asociación e un dos coordinadores da xornada, “á vez que tamén se intenta pór en contacto aos rapaces coas novas tecnoloxías”, engade.
Alumnos de 51 centros educativos de Galicia, Portugal e América participarán na realización de programas ao longo de toda a xornada, que dará comezo ás 10.00 horas. O salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais será o escenario do evento ata ás 21.00 horas, momento no que a actividade se desprazará ao Museo Verbum. “Prevese a presenza de arredor de 400 mozos, non obstante participarán directamente nos diferentes programas un total de 2500 estudantes”, apunta Feijóo.

Os “tesouros humanos vivos” da Eurorrexión

O patrimonio cultural inmaterial segue as ser o soporte das actividades promovidas dende Ponte... nas Ondas! Deste xeito, nesta décimo quinta edición “preténdese divulgar no ámbito educativo, e para o resto da sociedade en xeral, información sobre os tesouros humanos vivos do patrimonio inmaterial galego-portugués”, explica Feijóo.
A Unesco considera tesouros humanos vivos a aquelas persoas ou grupos que posúen un saber ou unha habilidade relacionada con calquera disciplina do coñecemento e da cultura, que transmiten destrezas aprendidas de xeración anteriores. Así, por exemplo, son tesouros vivos aqueles que teñen na súa memoria lendas, contos, cantos, romances ou calquera manifestación do patrimonio oral, grupos que manteñen unha danza ou un ritual festivo considerado como referente para a súa identidade local ou persoas artesáns que desenvolven habilidades e saberes na súa comunidade.
A asociación puxo en marcha unha actividade consistente en identificar tesouros vivos, que logo se presentarán durante a xornada nos diferentes programas; “un tesouro vivo debe representar para a comunidade onde se desenvolve un referente do seu patrimonio”, subliña Feijóo.

24 horas de programación emitidas para todos os escolares do mundo

A xornada comezará ás 10.00 horas cun espectáculo multimedia onde estarán algúns destes tesouros vivos identificados, “amosando o amplo abano do noso patrimonio inmaterial”, subliña Feijóo. Así pois, ata ás 13.00 horas realizarase unha retransmisión en directo con entrevistas, intervencións de narradores orais e as actuacións musicais da cantante brasileira Margareth Menezes e do grupo Navegantes chegado dende o país veciño.
Dende ás 13.00 ata ás 16.00 horas os rapaces de primaria e secundaria serán os protagonistas nas ondas mediante a realización de programas magacín. Cada centro participante, entre os que se atopan o CEIP de Salvaterra, o CEIP de Nigrán, un instituto de Pontevedra, outro de A Guarda e unha escola de secundaria de Caminha, disporá dun tempo aproximado de 20 minutos para emitir os seus contidos.
A continuación, farase unha conexión cun plató situado na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, onde un grupo de alumnos de Ciencias da Educación realizará outro pequeno magacín, “sempre xirando en torno aos tesouros vivos” remarca Feijóo. A partir das 18.00 horas emitiranse programas en diferido de escolas galegas, portuguesas e sudamericanas.
Ao abeiro da VIII Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, ás 21.00 horas no Museo Verbum, realizarase en directo a revista oral dos tesouros vivos do patrimonio inmaterial, coordinada por Antonio Reigosa. “Un espazo de aproximadamente 90 minutos de duración onde participarán diferentes tesouros vivos que exporán os seus saberes oralmente apoiándose en vídeos e fotografías”, apunta Feijóo. Narradores de contos, músicos, poetas populares, voces de cancioneiros e a participación especial de Diana Gonçalves, directora do documental Mulleres da raia; todo co obxectivo de “poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical galego-portugués”.
Finalmente, para completar as 24 horas de programación emitiranse novamente programas en diferido realizados por diferentes centros, entre os que destaca o espazo elaborado por un grupo de estudantes do campus de Ourense.

Outras actividades para conmemorar o aniversario

Pero a celebración deste quince aniversario non remata aí, durante o mes de xuño daranse a coñecer os premiados no III Certame de Recollida da Tradición Oral Galego-Portuguesa, centrado tamén nos tesouros vivos. En novembro celebrarase o Congreso Educando na Ponte, co obxectivo de facer unha reflexión pública sobre o labor desenvolvido desde a experiencia de comunicación ao longo destes 15 anos. Do mesmo xeito, antes de que remate o ano, a asociación ten previsto editar Cores do Atlántico, un libro-disco que recollerá o patrimonio oral das cantigas de amigo, con exemplos musicais de Galicia, Portugal, Cabo Verde e Brasil.