DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As X Xornadas Interxeracionais comezaron coa celebración dos vinte anos da iniciativa educativa

'Ponte nas… ondas!' saca a escena aos portadores da cultura galega

Arredor de 400 escolares da cidade participaron na gravación dun falso programa “radiovisual”

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/03/2013

Tocaron a gaita e a pandeireta, cantaron cancións tradicionais galegas e portuguesas, contaron lendas, falaron do Entroido ourensán e moito máis. Os arredor de 400 escolares que este mércores pola mañá encheron a salón Marie Curie do campus de Ourense foron os auténticos protagonistas dunha homenaxe aos vinte anos da iniciativa educativa Ponte nas… ondas! organizada no marco das X Xornadas Interxeracionais. Xuntando portadores da cultura de onte, de hoxe e de mañá, a iniciativa converteu esta cita nunha auténtica festa na que a tradición cultural amosou o ben que se pode levar coas novas xeracións.

“Co gallo da presentación do libro dos vinte anos de Ponte nas… ondas! quixemos organizar este programa “radiovisual” no que son os escolares os que se converten en portadores da cultura, son eles os que cantan, os que bailan, os que contan as lendas e as historias”, salientou a xornalista Rocío Pereira, encargada de conducir a primeira parte da homenaxe, que xa pola tarde e coa coordinación de Xurxo Souto, reuniu a maiores, universitarios e público xeral. “Quixemos facer esta homenaxe porque o papel da Universidade de Vigo no proxecto Ponte... nas ondas! foi moi relevante desde que nos unimos a el no ano 2000 e logo na candidatura a patrimonio cultural inmaterial da Unesco. No campus de Vigo téñense celebrado moitos programas como o que hoxe temos aquí e con especial cariño lembro como na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense se traballaba todo o ano na recuperación de tradicións culturais que logo trataban no programa de radio que se facía cada ano”, subliñou Xosé Manuel Cid, coordinador xunto ao alumnado de Ciencias da Educación das X Xornadas Interxeracionais.

Os escolares foron os protagonistas

Con esta idea de fondo, celebrouse a gravación dun programa de radio "moi visual" e en falso directo no que actuaron escolares de diferentes centros da cidade. Cantaron pandeireteiras do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo; estudantes do IES O Couto tocaron a gaita e contaron lendas de diferentes lugares; un grupo do CEIP Manuel Luís Acuña cantou “janeiras” portuguesas e rapazas da Universidade Laboral explicaron o traballo que realizan de recuperación da tradición, entre outras moitas actuacións. Con eles tamén estiveron portadores da cultura tradicional, como Florencio de Arboiro, que lle ensinou en directo aos asistentes como funciona unha roda de afiar e a tradición deste oficio; Lois Pardo, que falou dos xogos populares; María do Ceo, que cantou varias cancións lusas; O Carrabouxo, que falou en clave de humor, e David Rodríguez, alcalde de Manzaneda, que comentou a tradición dos folións no Entroido ourensán acompañado por un deles.

Durante case dúas horas, os rapaces escoitaron e participaron moi activamente dunha festa que quixo reproducir o espírito que moveu estes vinte anos a Ponte... nas ondas!, centrado en promover, divulgar e protexer o patrimonio, especialmente o patrimonio inmaterial e cultural galego e o que nos une aos veciños lusos. Xa pola tarde, Xurxo Souto foi o encargado de tomar o relevo a Rocío Pereira e guiar un programa no que o público pasou a estar composto por maiores, universitarios e público en xeral e no que unha vez máis a maxia que uniu a Ponte... nas ondas! durante dúas décadas volveu a saír a escena.