DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha feira na que estudantes 18 colexios e institutos presentarán 39 investigacións

Pontenciencia reunirá máis 650 escolares na EE Forestal

O evento final desta decima edición terá lugar o 5 e 6 de maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Institucional
DUVI Pontevedra 21/04/2023

Dirixido a estimular a participación cidadá nos procesos científicos e facer visible a ciencia entre os nenos e nenas, o proxecto Pontenciencia cumpre dez anos neste 2023 e farao reunindo máis de 650 estudantes de 18 colexios e institutos no seu evento final, que terá lugar os días 5 e 6 de maio na Escola de Enxeñaría Forestal. Nestas dúas xornadas, este centro do campus pontevedrés será escenario dunha nova edición da Feira da Miniciencia, na que estudantes de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, así como familias, presentarán as 39 investigacións que desenvolveron nos últimos meses no marco deste programa e que serán avaliadas por un comité integrado por investigadores e investigadoras de diferentes facultades e escolas.

Impulsado pola Concellería de Educación, con financiamento da Fecyt – Ministerio de Ciencia e Innovación, Pontenciencia conta coa colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra e da Deputación Provincial, así como de diferentes empresas patrocinadoras. Representantes destas entidades participaron este venres na rolda de prensa de presentación dun evento que, como lembrou o concelleiro de Educación, Tino Fernández, arrancou hai unha década coa idea “de achegar a ciencia e o coñecemento aos colexios” e que co paso do tempo foi medrando ata converterse nun “referente en todo o Estado”. 

Nesa mesma liña, a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, destacou a importancia de iniciativas como esta á hora de “desenvolver o pensamento creativo e promover o interese da cidadanía pola investigación, a ciencia, a tecnoloxía e a innovación”. De aí que quixese agradecer a implicación dos patrocinadores e organizadores de Pontenciencia, así como “a implicación neste proxecto do profesorado”, tanto da UVigo como nos diferentes centros de ensino participantes, “formando parte dos diferentes comités de expertos, propoñendo ideas, guiando e valorando os proxectos”. Deste xeito, concluíu Lantarón, contribúen “a achegar o campus aos colexios e institutos e á cidadanía”, permitindo deste xeito que “a Universidade poida responder ao seu papel de transferencia do coñecemento”.

Esta presentación contou así mesmo coas intervencións do deputado provincial Gregorio Agís, e de Manuel Fernández, Casimiro González e Elisa Barbeito, en representación de Setga, Viaqua e Cristalería Pontevedresa, tres das empresas patrocinadoras. 

Dúas xornadas, tres categorías 

Ao igual que en anteriores edicións, Pontenciencia abrirase na mañá do venres 5 coa presentación dos proxectos desenvolvidos na categoría Ciencia no Cole, na que participan dez colexios da localidade, que presentarán un total de 15 investigacións. Concretamente, esta décima edición de Pontenciencia conta coa participación dos CEIP Santo André de Xeve, San Martiño, Froebel, Manuel Vidal Portela, Pontesampaio e A Xunqueira II, así como dos CPR Calasancio, Sagrado Corazón de Pontevedra e Sagrado Corazón de Praceres e do CEE Pontevedra. 

A esta serie de investigacións sumaranse outras 17, realizadas por alumnado dos IES Luis Seoane, Montecelo, Gonzalo Torrente Ballester e Valle Inclán, os CIFP A Xunqueira e Carlos Oroza, o CFEA Lourizán e o CPR Sagrado Corazón de Praceres. Os seus proxectos optarán aos Premios de Investigación Homenaxe á muller investigadora, nos que se outorgarán 300 euros aos cinco mellores proxectos, patrocinados polas empresas colaboradoras Marine Instruments, Setga, Viaqua, Cristalería Pontevedresa e Hifas da Terra. Por último, a presentación de investigacións completarase, na mañá do sábado, cos sete proxectos realizados na modalidade de Ciencia en Familia. 

Máis de 50 talleres

Dirixidos a pór ao alcance de escolares e das súas familias ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, esta X Feira da Miniciencia complétase cos 56 obradoiros que, nas xornadas de venres e sábado, se desenvolverán na EE Forestal. Entre outra serie de propostas, as e os asistentes poderán participar en talleres como o que os investigadores da Facultade de Comunicación centrarán nas fake news, no marco do proxecto DebaTRUE; ou coñecer o papel dos satélites Sentinel na prevención e análise dos incendios con investigadores e investigadoras da EE Forestal. Da man deste centro, poderase visitar tamén a súa xiloteca e o arboreto do campus, mentres que a Escola de Enxeñería Industrial achegará a Potenciencia robots e lentes de realidade virtual, á vez que as e os escolares terán a oportunidade de coñecer o proxecto UVigo Motorsport.  

Incorporación do Programa de Maiores

Unha das novidades desta décima edición é a incorporación a esta programación das propostas impulsadas polo Programa Universitario de Maiores. Concretamente, tanto na xornada do venres como na do sábado desenvolverase un obradoiro que permitirá experimentar en primeira persoa o voo de drons ao tempo que se aprenden as súas características e aplicación. Ademais, na mañá do sábado, este programa organiza tamén un taller sobre a historia da fotografía, unha actividade que permitirá aprender a xogar ao xadrez, tanto nun taboleiro normal como xigante, e outra centrada en “a evolución das formas de habitar e de coidarse” a través da linguaxe e dos obxectos da vida cotiá.