DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras un convenio entre Xunta, Universidade, Poder Xudicial, Fiscalía e Colexio de Avogados

Pontevedra abrirá en 2014 o seu propio servizo de mediación familiar

Alfonso Rueda e Salustiano Mato subliñaron a súa aposta por un sistema “que xa demostrou que funcion

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 18/07/2014

Xunta, Universidade, Poder Xudicial, Fiscalía e Colexio de Avogados asinaron este venres en Pontevedra un convenio de colaboración para a implantación na cidade dun programa de mediación familiar, un servizo totalmente gratuíto e de aceptación voluntaria, que permite ás parellas que están en vías de separación ou de divorcio solucionar os seus conflitos pola vía do diálogo e dun xeito áxil, minorando así os custes, tanto económicos como emocionais, que sofren as familias neste tipo de situacións e aliviando tamén a carga de traballo dos xulgados.

A sinatura do acordo contou coa participación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; o reitor, Salustiano Mato; o vogal para Galicia do Consello Xeral do Poder Xudicial, Juan Manuel Fernández; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; o decano do Colexio de Avogados de Pontevedra, Ramón Jáudenes; o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín, e o delegado territorial do executivo galego na cidade, José Manuel Cores Tourís.

O convenio asinado fixa un investimento por parte da Consellería de Presidencia de 30.000 euros a repartir entre a Universidade e o Colexio de Avogados de Pontevedra, que serán os encargados de xestionar un servizo que conta xa con presenza nas catro provincias galegas. “É un paso máis na relación que a Universidade quere ter coa realidade social que nos rodea”, subliñou o reitor tras a sinatura do acordo, ao tempo que agradeceu ao resto de institucións participantes “a confianza depositada nos nosos expertos” e se amosou convencido de que será un traballo “verdadeiramente útil e de proveito”, un aspecto no que tamén incidiu o vicepresidente galego, que recalcou que se trata dun sistema polo que seguirá apostando, “pois xa se demostrou que funciona e que non todo ten que acabar nun enfrontamento xudicial”.

Totalmente gratuíto e de aceptación voluntaria

A próxima posta en marcha do servizo, que funcionará dous días á semana en horario de mañá, suporá a constitución dun equipo permanente de mediación que dependerá da Universidade e do Colexio de Avogados de Pontevedra e que estará composto por un psicólogo e un xurista habilitados no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia, que serán os encargados de intentar selar os acordos relativos á custodia dos fillos, o réxime de visitas ou a contía da pensión alimenticia.

Segundo explicaron os asinantes, é o propio xuíz de familia o que valora os casos susceptibles de tentar un proceso de mediación e, neste suposto, informar ás partes da existencia deste servizo e das posibilidades que lles ofrece recomendando a asistencia a, tan sequera, unha sesión informativa previa. Caso de aceptarse a mediación, o xulgado fixa a data para a primeira xuntanza informativa, á que poden asistir tamén os letrados das partes e, co obxecto de axilizar o proceso, establécese un prazo máximo dun mes para levar a cabo o proceso de mediación, o que permite obter unha resposta moito máis áxil ca pola vía xudicial, un aspecto no que incidiu o fiscal, Carlos Varela, que subliñou tamén como unha das principais vantaxes o feito de que se alcanzan acordos á medida das partes.

Segundo subliñou o vogal do CXPX, en 2013 os xuíces de familia españois derivaron máis de 5000 asuntos aos servizos de mediación e, das mediacións aceptadas, arredor do 50% remataron en acordo. “Son cifras baixas pero que amosan que imos na boa liña”, subliñou Fernández, que recalcou as dificultades de pasar dunha “cultura do preito a unha da mediación”.

Valoración moi positiva tras preto de dous anos de mediación en Vigo

O servizo chegará a Pontevedra cando están a piques de cumprirse dous anos da súa posta en marcha na cidade de Vigo. “Neste tempo a valoración é moi positiva, xa que pese ás dificultades iniciais todo vai evolucionando moi ben”, subliña a catedrática viguesa Esther Pillado, coordinadora do servizo xunto a Francisca Fariña, que explican que, ao igual que se acordou para Pontevedra, o equipo vigués está formado por unha psicóloga e unha xurista con formación especializada en mediación que atenden a unha media de cinco persoas por día a razón de hora e media por caso.

Dende a súa posta en marcha, en novembro de 2012 no edificio Gota de Leite, os xulgados derivaron a este servizo 276 casos e realizáronse máis de 163 sesións, aceptándose seguir adiante co proceso de mediación en arredor do 43% dos casos, dos cales arredor do 50% xa remataron con acordo entre as partes.

“O inicio non foi doado, mais ben todo o contrario, pero estase avanzando de xeito firme; e grazas ao ben facer de todos os profesionais implicados o resultado é satisfactorio; e o fundamental é que se segue mellorando”, afirmou Fariña, que coordinará tamén o servizo en Pontevedra.

Pioneiros en formación, investigación e transferencia da mediación

Ademais do seu papel como coordinadoras deste servizo, as catedráticas Esther Pillado e Francisca Fariña son tamén membros da Conferencia de Universidades para o estudo da Mediación e o Conflito (CUEMYC), un aspecto que consideran moi relevante xa que permítelle á Universidade de Vigo “lograr un equilibrio entre a formación, a investigación e a transferencia de coñecemento á sociedade nun ámbito tan emerxente como é o da mediación”, recalcaron ambas docentes, que quixeron destacar tamén que o próximo curso impartirase unha nova edición do Curso de Especialista en Medición, dirixido a formar profesionais capacitados, facilitando a solución e xestión de conflitos nos distintos contextos nos que se desenvolve a mediación.

Ademais disto dende a Universidade organizáronse tamén varios cursos de formación específicos co Colexio de Avogados e outras múltiples actividades arredor desta temática.