DUVI

Diario da Universidade de Vigo

120 estudantes de máis de 30 países visitan Galicia ata o vindeiro sábado 10 de agosto

Pontevedra, capital mundial das Ciencias Forestais

Enrique Valero exerceu de anfitrión na cerimonia de benvida que tivo lugar este martes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 06/08/2013

Brasil, Uruguai, Arxentina, Estados Unidos, Canadá ou Corea do Sur son algúns dos países de orixe dos 120 estudantes de forestais que están a pasar estes días en Galicia dentro da 41 edición do Simposio Internacional de Estudantes de Ciencias Forestais (IFSS), que se está a desenvolver por primeira vez na súa historia en España, e que pretende ser un espazo de intercambio de coñecementos e experiencias vinculadas con este sector. O director da Escola de Enxeñaría Forestal, Enrique Valero, exerceu este martes no campus como anfitrión de excepción dándolles a benvida a todos os participantes nun emotivo acto no que tamén se lles fixo entrega dun diploma acreditativo a cada un dos mozos e mozas.

A Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo “ten un lugar destacado neste sector”, algo que se reflicte na elección do centro como punto de encontro “dun simposio mundialmente coñecido e valorado” e organizado pola Asociación de Estudantes de Ciencias Forestais (IFSA). “O recoñecemento da nosa escola é froito do traballo duro e constante, un feito que conseguiu situar este centro como un referente a nivel nacional e internacional”, salientou Valero.

A elección de Galicia como un dos espazos no que se desenvolve este simposio responde, segundo o director da Escola de Enxeñaría Forestal, a moitas variables: a pesares de que a maior parte da produción forestal a nivel mundial se concentra en países como Uruguai, Indonesia ou Brasil, “poucos saben, salvo os expertos nesta ciencia, que a nosa comunidade é xunto con Portugal unha das principais produtoras de cortiza”.

A recompensa a un grande esforzo

Este simposio internacional acolle tamén a Asamblea Xeral da Asociación de Estudantes de Ciencias Forestais, na que os integrantes de IFSA debaterán e aprobarán diversas propostas relacionadas co presente e futuro da asociación. A maiores, e como cada ano, está previsto que desta xuntanza saia o nome do novo presidente ou presidenta da agrupación para os vindeiros 12 meses.

Para o actual dirixente, Daniel Schraik, estas xornadas requeriron “moito esforzo e vontade” ata chegar ao punto de “ter que deixar momentaneamente os estudos a un lado para encargarme da asociación”. As claves para acadar o éxito deste e doutros simposios é o traballo en equipo e a figura do líder, asegura Schraik. Entre as recomendacións para o novo presidente ou presidenta o austríaco asegura que “canto máis te esforces máis recibirás a cambio”.

Un amplo programa de actividades

A organización local do simposio en Galicia programou varias actividades para este martes. A primeira hora da mañá, os 120 mozos e mozas achegáronse ata o Parque Natural de Monte Aloia logo de cancelarse a visita á fábrica de Ence en Pontevedra “por motivos alleos á organización” tal e como salientou o membro da Delegación de Estudantes da Escola de Enxeñaría Forestal Pablo Rial. Este alumno do terceiro curso de grao foi o encargado de xestionar boa parte dun programa no que se inclúe para a noite deste martes unha cea con varios responsables de Swarovski, unha firma que cedeu varios binoculares e telescopios para usar na visita que os rapaces e rapazas realizarán este mércores ás Illas Cíes.

Para dar a coñecer de primeira man a labor das comunidades de montes, este xoves 8 os participantes percorrerán o Lago Castiñeiras, unha visita importante xa que “son figuras que veñen de moi antigo e que só están vixentes en Galicia e parte de Asturias”, destaca Rial. Ao día seguinte, venres 9 de agosto, os asistentes ao simposio trasladaranse ata o concello lucense de Friol para visitar os aproveitamentos de FINSA e, para rematar a súa estancia en Galicia, realizarán unha ruta polo Courel. O domingo 11 os 120 participantes comezarán co seu camiño de volta a Madrid deténdose primeiro na provincia de León, onde teñen programadas varias actividades e visitas guiadas.