DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o informe que o grupo G4Plus elaborou para o Concello 

Pontevedra conta cun 44% máis de postos de traballo que afiliados á Seguridade Social residentes na cidade 

En termos porcentuais, trátase dunha cifra superior á de Vigo e os municipios da contorna

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 02/03/2023

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), en Pontevedra residen 30.652 traballadores e traballadoras en activo afiliados á Seguridade Social, unha cifra un 44% inferior ao número de afiliados e afiliadas que teñen o seu posto de traballo no municipio. Este é un dos principais datos achegados no primeiro avance do informe sobre a situación laboral no municipio que o grupo G4Plus elabora para o Concello de Pontevedra. Presentado este xoves en rolda de prensa polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director do grupo de investigación, o profesor da Facultade de Comunicación Pedro Figueroa, este traballo ofrece tamén unha comparativa respecto ao número de traballadores afiliados nos concellos da contorna de máis de 15.000 habitantes e nas cidades de Vigo e Vilagarcía de Arousa, que, en termos porcentuais, sitúa Pontevedra como “o maior centro xerador de emprego”, como explicou Figueroa.

O obxectivo do informe que Figueroa realizou xunto co tamén integrante do grupo G4Plus Daniel Gallego era achegar “cifras entendibles” sobre a “situación laboral no Concello”, dada a “diversidade e dispersión dos datos sobre emprego”, segundo explicou o alcalde. Fernández Lores salientou así mesmo que os datos presentados nesta xornada constitúen a “primeira entrega” dun traballo que deberá completarse coas cifras de afiliacións de empregados públicos na Mutualidade Xeral de Funcionarios Civís do Estado (Muface), a Mutualidade Xeral Xudicial (Mugeju) e o Instituto Social das Forzas Armadas (Isfas). Non obstante, engadiu, prevese “que non variarán moito os datos globais”, xa que a Seguridade Social representa “preto do 87% de todas as afiliacións”.

O maior “xerador de emprego” en termos porcentuais

Como explicou Figueroa, o informe realizado cos datos correspondentes a decembro de 2022, recolle, por unha banda, “o número de persoas que están afiliadas á Seguridade Social e que residen no municipio, á marxe de onde traballen”, e por outra, o “concello de alta” das afiliacións, que mostra o número de persoas “que teñen o seu posto de traballo” na cidade, "vivan onde vivan". A comparación destes datos permitiu á súa vez definir un indicador chamado “autosuficiencia de emprego”, que permite coñecer “a capacidade que ten un territorio para xerar emprego en relación ao seu número de habitantes”. 

A partir destes datos, os investigadores realizaron unha comparativa entre Pontevedra e os municipios da súa “área de influencia” de máis de 15.000 habitantes, Marín, Poio e Sanxenxo, e coas dúas outras “cidades de referencia” da provincia, Vigo e Vilagarcía. Esta análise, explicou Figueroa, mostra que Vigo é a cidade con maior número de afiliados e afiadas que teñen o seu posto de traballo no municipio, “o que é lóxico polas súas dimensións”, mais non en termos porcentuais, nos que “Pontevedra visualízase como o maior centro xerador de emprego”.

Concretamente, en Vigo residen 112.942 afiliados e afiliadas, mentres que o número de afiliados que traballan nesta localidade ascende a 139.048, un 23% máis, unha porcentaxe inferior ao 44,4% que rexistra Pontevedra. De feito, segundo sinalou Fernández Lores, a cifra de 44.257 afiliadas e afiliados que traballan no municipio sitúa o concello en “máximos históricos”. 

No resto de concellos analizados, só Poio presenta tamén un balance positivo neste indicador, cun 13,5% máis de postos de traballo que de residentes activos. No lado contrario, Marín e Sanxenxo presentan datos negativos, cun 33% e un 18,5% máis de afiliados residentes que de postos de traballo, respectivamente, ao igual que acontece en Vilagarcía, cun 18,8%.