DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade, Concello, Cámara de Comercio e Zona Franca unen as súas forzas neste proxecto

Pontevedra contará cun viveiro de empresas temático centrado nas áreas do Campus Crea

O reitor salienta que esta iniciativa converterase na primeira realidade do proxecto de especializac

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 19/06/2014

O obxectivo de xerar en Pontevedra un polo de innovación arredor das áreas temáticas fundamentais do proxecto de especialización Campus Crea deu este xoves un paso adiante de cara a converterse nunha realidade. A Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra, a Cámara de Comercio e o Consorcio Zona Franca acordaron unir as súas forzas para impulsar na cidade un viveiro de empresas temático, vertebrado arredor dos eixos do Campus Crea. A creatividade, o deporte e a saúde, a educación e a natureza serán a base dun proxecto que busca contribuír, desde a especialización, á creación de empresas na cidade e que ao mesmo tempo poida servir tamén “como un elemento tractor para calquera iniciativa nestes ámbitos en toda a nosa área de influencia”, como destacou o reitor, Salustiano Mato.

Acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, o reitor participou no Concello nunha reunión co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Educación, Agustín Fernández; o presidente da Cámara de Comercio, Eduardo Barros, e a delegada da Zona Franca, Teresa Pedrosa, que tiña por obxecto vincular a idea da Cámara de impulsar na cidade un viveiro de empresas e o proxecto de especialización dun campus, “que xa ten o potencial suficiente para ter un impacto máis directo na contorna socioeconómica”, como salientou o reitor. Por iso, a proposta que a Universidade puxo sobre a mesa foi a de ligar o proxecto do viveiro ás áreas de especialización do campus e dar forma así a un espazo temático e especializado, unha idea que recibiu unha boa acollida por parte dos outros axentes implicados, como recoñeceu Fernández Lores, que matizou tamén que esta iniciativa se atopa aínda “nunha fase moi embrionaria”.

Definición dun plan de necesidades

Tras esta primeira xuntanza, os representantes destas catro institucións volverán reunirse dentro de dúas semanas para estudar o “documento preeliminar” que elaborará a Universidade e no que se definirán as necesidades de instalacións e equipamentos que precisaría un viveiro que, como recalcou Pedrosa, supón “un modelo novo, único na nosa contorna”. A partires dese primeiro documento procederíase a continuación a definir un plan de viabilidade, co obxectivo de que “nunha primeira fase poidamos ter unha ocupación do 100% nun prazo razoable de tempo”, explicou o reitor.

Neste senso, Mato incidiu en que a idea dun viveiro especializado supón ir máis aló da creación de “módulos para emprendedores”, xa que o feito de que xire arredor duns eixos temáticos permite “ofrecer toda unha cadea de servizos que supoñen un valor engadido, como programas de mentoring e de aceleración, unha carteira de investidores ou un centro de negocios”. Ao mesmo tempo, “este viveiro funcionaría tamén como un centro de innovación, no que se poden instalar certas infraestruturas transversais vinculadas a estas áreas”, engadiu o reitor

A primeira realidade do Campus Crea

“Non estamos falando de ciencia ficción, senón dun modelo de traballo no que xa temos éxito”, subliñou Mato, que puxo como exemplo o traballo de se está a desenvolver no campus de Vigo, co Consorcio Zona Franca como “aliado estratéxico”, para fomentar a creación de empresas, a transferencia tecnolóxica e o desenvolvemento de centros de investigación, “e que está a xerar 500 postos de traballo anuais”. Por todo isto, Mato recalcou que traballan nunha “realidade” que axudará ao desenvolvemento económico da cidade e que constituirá, “antes do que esperaba, o primeiro produto real do Campus Crea”. A este respecto, o reitor explicou que segundo se vaia avanzando na elaboración do plan estratéxico deste proxecto de especialización, “poderase afondar en necesidades máis concretas”, mais deixou claro que, non se agardará á aprobación do que debe ser “un documento vivo” para poñer en marcha diferentes iniciativas que camiñen no obxectivo de potenciar as relacións do campus coa súa contorna socioeconómica.

O emprazamento do viveiro, pendente de definición

Como explicou Fernández Lores, o proxecto presentado nesta xornada parte do plan da Cámara de Comercio de impulsar a creación dun viveiro de empresas na zona do Campiño e para o que contan co financiamento da Fundación Incyde (Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa). Un plan que agora se ve remodelado coa proposta da Universidade para facelo “máis eficiente e máis viable”, como apuntou Eduardo Barros, que incidiu na importancia desta iniciativa para o desenvolvemento económico da comarca.

De aí que O Campiño sexa un dos emprazamentos posibles deste futuro viveiro, mais esta é unha cuestión que aínda “está pendente de definir”, como recoñeceu o alcalde, que sinalou tamén á opción de levalo a cabo dentro da cidade, “a través dunha edificación por fases que teña continuidade no futuro”. Neste senso, o rexedor explicou que a decisión final tomarase en función das necesidades de espazo que a Universidade traslade no plan de usos que presentará nas próximas semanas.