DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aunará as capacidades da Misión Biolóxica, Areeiro, Forestais e o Centro de Lourizán

Pontevedra contará en outono cunha rede de investigación forestal

Universidade e Deputación reuníronse para tratar temas como a transferencia de Enfermaría, moi avanz

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 02/08/2011

Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra seguen a traballar da man para darle o pulo necesario ao campus. Este marte, o reitor, Salustiano Mato, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, reuníronse para asinar o convenio de colaboración para impulsar o I Curso Superior de Dirección Pública Local dirixido a funcionarios desta administración e tratar asuntos en común, como a Escola de Enfermería, a titulación de Enoloxía, Deseño e Moda, ou a rede de cooperación en materia forestal. Neste último punto, desvelaron que xa está definido o Plan Estratéxico que posibilitará a creación dunha rede de investigación forestal que unirá e promoverá as capacidades que ofrecen a Escola de Enxeñería Forestal, a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, o Centro de Lourizán e a Misión Biolóxica. Neste proxecto, a Deputación vai a ser un aliado estratéxico da Universidade de Vigo para constituír en outubro ou novembro unha rede que posicione a Pontevedra como un gran foco de capacidade en investigación forestal.

Colaborando nas distintas titulacións

A transferencia da Escola de Enfermería de Pontevedra, que actualmente financia a Deputación, foi un dos puntos cruciais da reunión, xa que a Universidade de Vigo traballa na elaboración un plan de integración das catro escolas de enfermería que ten adscritas en Galicia. “Está moi avanzado e a finais de 2011 ou principios de 2012 esperamos acordar o plan coa consellería de Sanidade, posteriormente coa consellería de Educación para, finalmente asinar as administración implicadas o acordo que posibilite iniciar o proceso de integración desta titulación na universidade no curso 2012-2013”, salientou Salustiano Mato.

Por outra banda, Louzán e Mato abordaron tamén a situación actual da titulación de Deseño e Moda. O reitor informou que o mapa de titulacións abrirase no 2013-2014 “nos temos unha aposta clara porque Deseño e Moda se converta nun título oficial e se integre na universidade de forma definitiva”. Por isto, a pesares de que o convenio rubricado coa entidade provincial para financiar estes estudos expira este ano, o presidente da Deputación xa manifestou a súa vontade de seguir apoiando esta iniciativa ata que se produza a regulación da mesma.

Finalmente, con respecto á titulación de enoloxía, o reitor da Universidade de Vigo aseverou que xa se fixo un traballo sobre as potencialidades da universidade na oferta formativa de enoloxía. Posteriormente, a entidade educativa estableceu un diálogo cos representantes do sector vitivinícola. A partir de agora, explicou Mato, “convocaremos unha reunión de traballo en outubro-novembro coas denominacións de orixe de Pontevedra e Ourense para adaptar o menú informativo ás demandas reais do sector e a partir de aí decidiremos o que compre poñer en marcha en Pontevedra e en Ourense”.

I Curso Superior de Dirección Pública Local

Rafael Louzán e Salustiano Mato asinaron hoxe un convenio de colaboración que posibilitará a organización conxunta do I Curso Superior de Dirección Pública Local, financiado pola administración provincial cun máximo de 22.500 euros e xestionado a través do Servizo de Recursos Humanos e Formación. Mentres, a Universidade será a responsable da confección do programa formativo, da organización da metodoloxía do curso e da selección dos docentes e expertos do programa.

A actividade terá unha duración de 300 horas lectivas das cales 150 horas serán presenciais e 150 on-line. Os destinatarios serán persoal dos grupos A1 e A2, cun número máximo de participantes de 25 alumnos. A iniciativa desenvolverase entre o 17 de outubro de 2011 e o 12 de decembro de 2012, no edificio administrativo da Deputación Provincial de Pontevedra. Rafael Louzán explicou que “con esta acción formativa pretendemos facilitarlles ós traballadores da administración a posibilidade de ampliar e complementar os seus coñecementos para manter o nivel de calidade no seu exercicio profesional e, sobre todo, unha eficiente prestación dos servizos públicos”.