DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No III Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Educación Física

Pontevedra converterase en maio no centro do debate sobre as tendencias da práctica e a formación deportiva

Xa se pode facer a inscrición e o prazo de presentación de comunicacións remata o 4 de abril

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 22/03/2010

Pontevedra acollerá do 6 ao 8 de maior o III Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e Educación Física, un evento de transcendencia estatal para abordar o deporte dende a saúde, o rendemento en competición, a historia, o ocio e a xestión e que terá lugar no Pazo da Cultura. “Pontevedra convértese así na única cidade cun evento estable desta índole, pois adoitan ser itinerantes”, salienta Víctor Arufe, o director xeral do comité organizador, licenciado en Ciencias da Educación e do Deporte na facultade do campus pontevedrés e que exerce como docente na Universidade da Coruña.
O congreso estrutúrase en torno a seis temáticas: saúde e hixiene; adestramento e rendemento deportivo; antropoloxía, socioloxía e psicoloxía deportiva; ocio e tempo libre; didáctica da educación física e deportiva; e xestión e organización do deporte. Dentro destas áreas impartiranse 13 conferencias maxistrais e 12 cursos de especialización.

Profesionais do ensino, da saúde e xestores deportivos

“No apartado de formación contaremos con profesionais da Educación Física en ensino primario, secundario, universitario e formación profesional; no de xestión, con xestores de ximnasios, centros deportivos ou servizos de deportes; no de ocio analizaremos todo tipo de actividades de animación sociocultural relacionadas co deporte, con prioridade daquelas que se fan na natureza; e na área de saúde trataremos, por exemplo, temas relacionados coa rehabilitación ou prevención de lesións”, explica Arufe. Ademais da mellora das condicións físicas, o director do evento considera tamén moi relevante a contribución do deporte para a estabilidade emocional e psicolóxica, polo que varios relatorios e talleres centraranse neste eido. “O noso principal obxectivo é satisfacer o interese dos asistentes por formarse en todas estas áreas”, sinala.
Entre os relatores desta edición haberá representantes das tres universidades galegas e dalgunhas estatais e internacionais. “En Galicia temos moi bos profesionais do ámbito do deporte, cun gran nivel, polo que terán o 90% de representación no congreso”, sinala Arufe. Do estranxeiro destaca a presenza de Amauri Oliveira, do Ministerio de Deporte do Brasil; de Vanildo Rodrigues, da Universidade Estatal de Maringá, tamén do Brasil, e de Jorge Herrera, da Universidade Internacional de Florida. Ademais estará Ramón Riverola, da Universidade de Barcelona; José Antonio Arruza, da Universidade do País Vasco; Jorge Jesús Fernández y Vázquez, da Politécnica de Madrid e Francisco Ruíz, da Universidade de Almería.

Inscrición e envío de comunicacións

O congreso está dirixido a estudantes de titulacións relacionadas coa Educación Física, pero tamén a calquera profesional do sector ou a calquera persoa interesada neste eido. Existen cotas de inscrición diferentes en función do perfil de cada persoa nese sentido e do número de curso nos que se inscriban. Así mesmo, hai unha cota diferente para grupos de dez ou máis persoas e para os que se inscriban antes do 4 de abril. Este ano existe tamén a posibilidade de seguir o congreso en liña, para o que é preciso facer unha preinscrición gratuíta antes do 30 de marzo. As taxas poden consultarse na web do evento e os estudantes universitarios que asistan ao congreso poderán solicitar dous créditos de libre configuración.
De xeito paralelo á programación de conferencias e cursos, o congreso deixa un espazo para a presentación de comunicacións aberto a todas aquelas persoas que teñen realizado algunha investigación, estudo ou traballo como parte do seu quefacer cotián. “Poderanse facer presentacións de 10 minutos relacionadas coas diferentes liñas temáticas do congreso, pero non teñen que ser estudos dentro duns parámetros científicos rigorosos, senón que poden ser experiencias que un profesional desenvolve co seu alumnado”, explica Arufe, que indica que este apartado busca potenciar a compoñente social do deporte máis que a científica. O prazo para a presentación de comunicacións rematará o 4 de abril.

Unha demanda do estudantado

“O congreso naceu en 2004 pola miña inquedanza en materia de educación e formación cando rematei a carreira”, afirma Víctor Arufe. Asegura que aquel primeiro seminario acadou un grande éxito, con 150 inscritos. “Observei que existía certa demanda neste eido entre o estudantado polo que decidimos continuar e ampliar o evento”. Subliña que deste entón o congreso contou co apoio continuado da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e do Concello de Pontevedra, ao que este ano se uniron numerosas empresas, entidades e organizacións. “As empresas colaboradoras teñen a súa propia liña de actuación con actividades propias dentro do congreso”, precisa o director do evento. Arufe quere subliñar tamén como “achegas fundamentais deste ano a da Secretaría Xeral de Deportes e a do Xacobeo 2010”. “Varias persoas que fixeron o Camiño explicarán tamén no congreso os seus beneficios tanto para a saúde como psicolóxicos e con este motivo realizaremos ao remate do congreso unha visita voluntaria a Santiago de Compostela”, comenta.
Logo do camiño andado dende a primeira edición, Víctor Arufe opina que “este congreso está entre os eventos en torno ao deporte cunha maior participación” e destaca que na anterior convocatoria participaron profesionais de máis de 45 universidades, entre as que estaban as tres galegas, algunhas de Portugal, como as do Porto, Aveiro e Coímbra, e tamén de Venezuela, Brasil ou Francia. “Sempre participan tanto alumnado universitario de primeiro e segundo ciclo, como investigadores, docentes e traballadores do ámbito deportivo, polo que é unha grande oportunidade para achegarse ao sector e realizar contactos”, conclúe.