DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pontevedra e Melilla estreitan lazos a través da educación

Representantes melillenses visitaron o centro pontevedrés para a futura sinatura dun convenio de col

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI 14/02/2011

Porque a colaboración entre semellantes é imprescindible para evolucionar e medrar. Esa é a máxima que a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade quere facer realidade, de aí que acollera a visita institucional de dous vicedecanos da Facultade de Educación e Humanidades do campus de Melilla, dependente da Universidade de Granada, os profesores Gloria Rojas e Ángel Mingorance, que foron recibidos pola decana Francisca Fariña e polo docente Carlos Touriño. “Desde hai unha década investigadores das dúas facultades están colaborando en diferentes proxectos, o que facilitou este achegamento a nivel institucional”, comentou a decana.

A finalidade da visita, ademais de que coñeceran o centro e as súas instalacións, foi a de establecer as bases para a sinatura dun convenio de colaboración en materias de formación, investigación e intercambio de alumnos e profesores. Grazas a este contacto que Francisca Fariña definiu “frutífero”, as dúas facultades iniciarán un intercambio de profesorado e alumnado no marco do programa SICUE-SÉNECA. Así mesmo, “preténdese deseñar actividades intercentros para a promoción da actividade física en contornas naturais entre o alumnado de ambos centros”, engadiu.

Para a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus, esta relación non soamente supón colaborar “cun campus cun enorme potencial docente e investigador e por extensión cunha universidade de prestixio como é a de Granada”, senón que ademais “posibilita aprender nun ambiente intercultural, onde Europa e África se mesturan, o que supón un enriquecemento persoal para todo aquel que poida realizar unha estadía nesa facultade”, aclarou a súa decana. A pesar de que a facultade xa tiña asinado ao longo dos últimos anos diferentes convenios, “ningún semellante ao que se pretende establecer con Melilla”.