DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A deseñadora galega Purificación García formará parte do xurado

Pontevedra ponse “de moda” e ultima os detalles de Debut 2010

Ao longo de toda a semana celebraranse varios obradoiros e xornadas profesionais

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
D. Besadío DUVI 19/11/2010

Anos de formación e varios meses de intenso traballo veranse recompensados cando o alumnado da cuarta promoción de Esdemga, Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, vexan lucir as súas creacións na Pasarela Debut2010. Será o vindeiro xoves ás 20.30 horas no Edificio Sexto do Museo de Pontevedra con 12 proxectos “nos que amosarán todo o que son capaces de facer”, subliñou Lola Dopico, a directora de Esdemga, na presentación do extenso programa de actividades deste ano, que inclúe, xunto ao acto central que constitúe a Pasarela Debut2010, un abano variado de obradoiros e xornadas profesionais, a través das que o alumnado da escola poderá entrar en contacto coa realidade laboral e profesional.

A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, que tamén acudiu á presentación, amosouse especialmente satisfeita pola cantidade de premios, tanto a nivel galego como nacional e internacional, que están a recoller os egresados desta titulación, “o último o de Leticia Blanco que esta mesma semana se fixo co Tesoira 2010” e agradeceu a Lola Dopico todo o traballo que se está a realizar dende a escola “grazas ao que estamos a gañar un enorme prestixio, tanto a nivel galego como nacional”.

Purificación García, Óscar de la Visitación... un xurado “sólido e prestixioso”

Dopico salientou como un dos elementos máis significativos desta edición o feito de ser un traballo conxunto, froito da colaboración entre o alumnado de Esdemga e o de Deseño Gráfico do Central Saint Martins de Londres, “o éxito deste traballo reside na propia colaboración entre os dous centros”, subliñou, ao tempo que fixo fincapé na importancia do xurado, ao que se referiu como, “sólido e prestixioso”, unha cuestión á que lle deu especial importancia xa que os seus integrantes serán, ao seu modo de ver, prescritores do propio traballo que se fai na titulación. “Gústanos que o xurado veña e coñeza fondamente o que aquí se fai, precisamente porque a experiencia nos di que este contacto directo coas persoas do xurado ten moi bo resultado”, en relación a que sempre se crean vínculos “que son fundamentais para a escola”.

Entre as principais incorporacións deste ano está a deseñadora galega Purificación García “que cada vez nos amosa maior interese neste proxecto formativo”, indicou Dopico, e a alemá Martina Hoischen, que porá a nota máis europea a un xurado do que tamén forman parte Sofía Clarí, directora creativa de pasarelas como El Ego e a do FIB; Adriana Rodríguez, coolhunter para a firma Camper; Óscar de la Visitación, que tras traballar para Nina Ricci ou Moschino, se incorporou a revista Woman, ademais de colaborar con Tous, Vassari, entre outras, e Ramón Fano, co director da revista de moda Neo2.

Actividades paralelas: do traxe típico ao zapato “customizado”

Nos tres días previos ao desfile, de luns a mércores na Facultade de Belas Artes, desenvolveranse varias actividades de encontro con diferentes profesionais, pensadas como actividades prácticas dirixidas ao alumnado da escola. O luns Concha Herranz e Elvira González, reputadas especialistas do Museo del Traje, impartirán o obradoiro Corpiños e Polisóns, onde se reproducirán distintas pezas de vestiario tradicional como crinolinas ou corpiños, “nun marabilloso recorrido polo traxe histórico”. O martes e o mércores será o regreso ao centro de dúas ex-alumnas, Esther Lebrato, “unha ilustradora extraordinaria”, subliñou Dopico e, xa o mércores Agar Fernández, cun obradoiro que xirará en torno ao desenvolvemento de un ou varios prototipos de zapatos, a través da “customización” de unha ou varias pezas clásicas (Dr Martens, Converse...)

A programación da semana pecharase o venres cunha xornada profesional na que o estudantado terá un encontro directo con invitados de empresas punteiras na industria e o comercio téxtil e da moda, “un colofón moi importante xa que lle dará aos nosos alumnos e alumnas a oportunidade de manter un contacto moi directo co mundo laboral”, subliñou Dopico.