DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 'VII Congreso Nacional do Deporte' celebrarase o 5, 6 e 7 de maio no Pazo da Cultura

Pontevedra prepárase para converterse na capital nacional do deporte

Os organizadores destacan a súa relevancia científica coa presentación de 171 traballos de investiga

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijoo DUVI 11/04/2011

Por sétimo ano consecutivo a cidade de Pontevedra volverase a converter, entre o 5 e o 7 de maio, na capital oficial do deporte, coa celebración do VII Congreso Nacional do Deporte, organizado polo Concello pontevedrés e a Formación Deportiva Sportis, contando co respaldo académico das universidades de Vigo e A Coruña. Durante tres días, o Pazo da Cultura será o punto de encontro para profesionais, investigadores e alumnado que debaterán sobre as principais novidades do mundo deportivo a nivel internacional. Como destacou José Luis García Soidán, presidente do comité organizador e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, “o congreso é unha das citas máis importantes no eido científico do deporte que xa conta cunha enorme tradición”.

Con máis de 400 inscricións a un mes da súa celebración, superando datos de matrícula dos anos anteriores, David Arufe, secretario xeral do comité organizar e profesor da Universidade da Coruña, resaltou na súa presentación a relevancia do congreso a nivel estatal “sendo un dos principais eventos deportivos do ano” así como o seu alcance mundial “con xente inscrita de todas as partes do mundo a pesar de que este ano sexa de carácter nacional”. Pola súa banda o profesor García Soidán destacou a súa vertente investigadora e explicou que xa recibiron 171 traballos de investigación, “un alto nivel de produción científica que pon de manifesto o prestixio e nivel do congreso, pois moitos dos novos investigadores queren dar a coñecer as súas achegas a través das nosas publicacións”. Para iso, o simposio dispón seis áreas temáticas relacionadas coa saúde, ocio e tempo libre, didáctica da educación física, rendemento deportivo, xestión e ciencias sociais e psicoloxía.

Importantes novidades

Este ano o desprazamento á cidade pontevedresa xa non suporá un problema porque a sétima edición inclúe a posibilidade de realizar o curso de forma virtual, “seguíndoo en directo desde calquera parte do mundo”, comentou o profesor García Soidán. “Mediante un código de acceso poderán conectarse cando o estimen oportuno, incluíndonos ademais nas novas tecnoloxías da información e consolidando o noso alcance mundial”, engadiu.

Outro dos puntos fortes do congreso son os obradoiros impartidos por profesionais do eido deportivo, “afondando na aplicación práctica, algo que lle interesa moito ao noso alumnado en particular”, aclarou o presidente do comité organizador. 12 talleres de tres horas cada un permitirán aos asistentes formarse en distintas especializades “desde o tratamento de lesións, pasando por aspectos de xestión, de fitness, primeiros auxilios ou estratexias psicolóxicas”. Soidán destacou o curso Integración da electroestimulación no adestramento e recuperación do deportista, “novidade deste ano” ou o impartido polo profesional Eduardo Parra García, ex readaptador físico do Real Club Celta de Vigo, do Liverpool Fútbol Club ou do Inter de Milan, que afondará na readaptación motriz tras unha lesión.

Un total de dez conferencias completan a oferta teórica, nas que, entre outros, intervirá o ex xogador profesional Juan Antonio Corbalán que falará sobre a dieta dos deportistas, ou o profesor da Universidad do País Vasco, Iñigo Mujika, “con máis de cen artigos científicos publicados en revistas de prestixio internacional” e que afondará na xestión da fatiga no período de competición.

Ademais, para fomentar a relación e o fortalecemento de vínculos entre os profesionais participantes, o comité organizará unha visita guiada pola cidade co xogo La búsqueda del peregrino y la bruja “no que terán que atopar unha serie de pistas pola zona vella, rematando todos xuntos nunha cantina onde realizaremos unha queimada”, comentou Arufe. Ademais, gardarán un minuto de silencio polo falecemento dunha profesora da Universidade de Oporto, “quen nunca faltaba a esta cita anual co deporte”.