DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana celébranse as finais das ligas universitarias nas diferentes modalidades de deportes

Pontevedra xa ten representantes en voleibol e baloncesto para o Torneo Intercampus

Vigo terá os seus clasificados en quince días e Ourense continuará coas súas ligas ata o 9 de febrei

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Esmeralda L. Castro DUVI 18/01/2010
Esta semana dispútanse no campus de Pontevedra as finais das ligas universitarias de deportes colectivos, das que sairán os equipos representantes que participarán no Torneo Intercampus, que terá lugar o vindeiro 11 de febreiro. Hoxe xogáronse as finais de voleibol mixto e baloncesto masculino, nas que Os Barbitúricos e Os Sobriños do Tío Facundo, respectivamente, aseguraron a súa presenza no campionato universitario. Entre mañá e o vindeiro xoves xogaranse a súa clasificación os equipos finalistas de fútbol 7 masculino, fútbol sala masculino e balonmán masculino. Os representantes do campus de Vigo sairán tamén de fases finais que xa se están celebrando e que se prolongarán ata a semana que vén. Mentres, en Ourense, segundo a modalidade, seleccionaranse os mellor clasificados nas ligas universitarias ou realizaranse torneos polo sistema de copa, cun prazo máximo para celebrar os últimos partidos fixados para o 9 de febreiro.

Un partido de voleibol igualado e un de baloncesto sentenciado no último cuarto

O primeiro dos encontros desta mañá, o de voleibol mixto congregou a partir das 11.00 horas no pavillón multiusos A Xunqueira a Los Apaches Peregrinos, unha formación de estudantes de distintas titulacións que viven na residencia A Peregrina, e a Barbitúricos, alumnos e alumnas de Fisioterapia. Aínda que todos coincidiron en apuntar que foi un partido moi axustado e que os dous equipos estiveron moi igualados no nivel de xogo, finalmente acadaron a vitoria os Barbitúricos, cun resultado de 2-0.
Ao final da mañá tivo lugar no Pavillón Universitario o partido de baloncesto masculino entre Os Sobriños do Tío Facundo e Lost in Basket. O resultado final foi de 50-41 tantos a favor dos Sobriños do Tío Facundo, que se mantiveron por riba no marcador ao longo de todo o encontro. O partido só se igualou no terceiro cuarto, cando, a falta de tres minutos para o seu remate, os Lost in Basket puxéronse a tan só un punto de distancia co outro equipo. Con todo, Os Sobriños sentenciaron o partido cun último cuarto a favor que rematou cun 10-1.
Así mesmo, xogáronse hoxe as semifinais de fútbol sala, dous encontros consecutivos no Pavillón Universitario, cun claro vencedor en cada caso. No primeiro disputaron o seu pase á final Los Ángeles de Pazfran e Los Apaches Peregrinos. O partido rematou cun 9-3 a favor de Los Ángeles e cun xogador destacado, Jorge Fontán, que marcou 4 goles. Deseguido, foi a quenda dos Manzanillos e Lapiedra Team. Cun resultado final de 8-2, neste caso irán á final -que se celebrará o vindeiro mércores ás 12.00 horas- os Manzanillos.
Mañá xogaranse a súa clasificación para o campionato Intercampus na modalidade de fútbol 7 masculino Los Quetas e Isotopos da Xunqueira. E o xoves enfrontaranse na modalidade de balonmán masculino Los Apaches Peregrinos e Dirnk King Team.

Obxectivos postos no Campionato Galego de Ligas Universitarias

No Torneo Intercampus, que se celebrará o 11 de febreiro en Pontevedra, decidiranse os equipos das diferentes modalidades que representarán á Universidade de Vigo no Campionato Galego de Ligas Universitarias, que este ano terá lugar en Santiago de Compostela os días 24 e 25 de febreiro. Gustavo Loureiro, o técnico especialista en actividades deportivas do campus, confía en poder introducir algún equipo pontevedrés nesa competición e ve posibilidades sobre todo en baloncesto e balonmán. De forma xeral, pensa que a Universidade de Vigo ten moitas posibilidades de éxito neste campionato, pois lembra que “o ano pasado gañamos en 6 das 9 modalidades”.
Loureiro destacou tamén que “este ano houbo que adiantar as convocatorias das finais e o Intercampus porque se adiantou tamén a inscrición nos campionatos universitarios de España”. O Comité Español de Deporte Universitario vén de modificar o regulamento dos Campionatos de España de Deportes Colectivos, polo que a lista de equipos campións por universidade ten como data límite de inscrición o 15 de febreiro. Neste caso Galicia, por número de equipos e universidades, entraría na fase Interzonal, cuxa organización corresponde este ano ao País Vasco, Alicante, Zaragoza e Almería. Gustavo Loureiro cre que “aquí a Universidade de Vigo ten máis difícil a súa clasificación para o Campionato de España, posto que compite con outras quince”. Ademais, sinala que “os organizadores teñen vantaxes, pois ter que viaxar sempre é un atranco e algúns xogadores que están en equipos federados non son cedidos para estas competicións”. Con todo, lembra que o ano pasado o equipo de balonmán chegou á final do Interzonal en Bilbao, aínda que despois non se clasificou.