DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"Mulleres de branco" e "François Kollar e a moda"

PontevedraDebut bota unha mirada ao pasado con dúas exposicións

Ata o 11 de xaneiro no Pazo da Cultura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 26/11/2008

Logo dos workshops de moda e das conferencias de Poti poti e do ilustrador José Luís Merino o programa dedicado á cultura do deseño e a moda complétase coa apertura das exposicións Mulleres de branco e François Kollar e a moda, un paso máis de cara ao cénit que supón o desfile Debut da segunda promoción de alumnos de Esdemga.
En apenas 19 traxes de noiva e 12 pares de zapatos, Mulleres de branco, permite realizar unha viaxe no tempo e comprender os cambios que a moda foi sufrindo. O quilómetro cero deste percorrido sitúase en 1840, con exemplos de vestidos de liña imperial, e chega a 1997. Diminutas aplicacións a man, a experimentación cos tecidos abullonados, o boom que supuxo a introdución do nailon, os escotes que deixaban os ombros ao aire… son algúns dos detalles introducidos na evolución da moda e que hoxe recoñecemos nos deseños actuais. Pero máis alá destes aspectos, Mulleres de branco ofrece unha panorámica da silueta imposta á muller e o cambio da moda coa evolución da súa consideración social. Como exemplo, a aparición de liñas máis verticais coincidindo cos primeiros logros da liberación feminina.
Entre as pezas máis curiosas da mostra destaca o vestido que a duquesa de Alba luciu na súa primeira voda, unha obra de Flora Villarreal que posteriormente influiría no de Grace Kelly con Raineiro de Mónaco, ou a cola polilobulada dunha peza de Valentino. Estas pequenas xoias requiren condicións de temperatura, humidade e luz moi controladas xa que, como apuntou a comisaria da exposición, Concha Herranz, “son pezas textís de vida breve porque para conseguir os brillos e acabados que as caracterizan empregáronse técnicas moi agresivas”. Neste caso, e debido a o reacondicionamento dalgúnhas salas do Pazo da Cultura, o Museo del Traje de Madrid permitiu a súa exposición polos “riscos mínimos” que supón a súa mostra ao público.

A testemuña galega

A mostra complétase cunha pequena achega galega. Trátase dun traxe do corte romanticista de 1890 donado pola familia Sánchez Peteiro de Betanzos. Ademais, actúa como contrapunto da colección porque as tres pezas das que consta son en negro, como adoitaba acontecer nesa época. Está feita de terciopelo e ten detalles en pedrería, feitas cun traballo moi fino. O traxe, aínda que gozou dos coidados da familia, presenta os estragos inevitables do paso do tempo e por iso será exposto nunha vitrina.

François Kollar e a moda

A exposición fotográfica de François Kollar achega outra perspectiva da historia da moda. A mostra recolle recolle algúns dos múltiples retratos que Kollar realizou a persoas relacionadas coa moda e o mundo artístico dos anos 30 como Coco Chanel ou a Duquesa de Windsor. De feito, algún destes retratos foron portada da prestigiosa revista Harper’s Bazaar. O imaxinario de elegancia e exclusividade de peiteados, sombreiros, xoias e vestidos recoñécese nas obras seleccionadas. E é que o percorrido amosa a relación de Kollar co mundo da moda, a publicidade e o retrato pero tamén ao seu lado máis artístico e experimental onde se aprecian os xogos de sombras e nivel expresionista do autor.
Coma no caso da exposición Mulleres de branco as obras do fotógrafo permanecerán no Pazo da Cultura ata o 11 de xaneiro. O horario de exposición ao público será de 17.00 a 21.00 horas de martes a domingo. Na fin de semana e nos festivos tamén se poderá visitar en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas.