DUVI

Diario da Universidade de Vigo

"PontevedraDebut" celebra a cultura da moda cunha semana de intensa programación

O día 27 os estudantes da segunda promoción de Esdemga presentarán as súas propostas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 21/11/2008

Só é a segunda edición do desfile dos novos deseñadores da Escola de Deseño Téxtil e Moda de Galicia, pero os bos resultados do ano pasado fixeron dobrar a aposta. Para este 2008 Esdemga propón toda unha semana de celebración da cultura do deseño: PontevedraDebut. O desfile do día 27 no Museo de Pontevedra, proba de fogo para dezaoito novos deseñadores, é o corazón dun calendario intenso que tamén conta con workshops, conferencias, exposicións e xornadas profesionais.
A directora da escola, Lola Dopico, presentou o amplo abano de actividades que se desenvolverán do 24 ao 28 de novembro xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen sinalou que “a aposta que as diferentes institucións fixeron na escola xa está dando os seus resultados”. No acto de presentación tamén estiveron presentes a delegada da Consellería de Industria, Montserrat Prado e a vicepresidenta da Deputación, Tamara Pedrosa.
Nesta ocasión serán dezaoito os alumnos cuxas creacións se expoñan á valoración do xurado. Dopico promete sorpresas ante os proxectos e sinala a importancia de que “un xurado de alto nivel” califique as propostas. Andrés Aberasturi, comisario do Ego de Pasarela Cibeles e director de Pelonio Comunicación; Xavier Bombardó, deseñador de Supralan; Diego Íñiguez, director de Imaxe de El Caballo; Silvia Salvador e Fernando Cornejo, deseñadores de Poti poti; Daniel Cantó, redactor xefe de Neo2 Barcelona; Alan Baines, director do St Martin’s College; e representantes de ATEXG e AIPCLOP serán os seus integrantes.
Nos tres primeiros días, previos ao desfile, terán lugar uns workshops de moda na Facultade de Belas Artes onde os asistentes se poderán somerxer en tres propostas da man de recoñecidos profesionais. Poti poti achegará os segredos do deseño de estampacións, José Luis Merino traballará as posibilidades da ilustración de moda mentres que Casimiro Fernández plantexará a construción, articulación e reconstrución de prendas de alta costura. Os dous primeiros profesionais completarán o seu labor con dous relatorios na Casa das Campás.
Tal e como indicou Lola Dopico, no deseño da programación “tamén pensamos que sería interesante arroupar esta semana cunha parte expositiva”. E por partida dobre, xa que o día 26 inauguraranse dúas mostras no Pazo da Cultura de Pontevedra. Mulleres de branco, que provén do Museo del Traje de Madrid, achega “pezas dos século XIX e XX, cun nivel de elaboración como poucas veces se puideron ver con obras de Balenciaga, Pertegaz ou Lorenzo Caprile”. A fotografía tamén estará presente da man de François Kollar cunha mostra que recolle “fotos moi recoñecidas por ser portadas de revista e que xa forman parte da nosa iconografía”.

Unha ponte ao mundo profesional

Hai vida despois de Debut’08 e está dedicada á saída profesional dos novos creadores. Segundo explicou Dopico “atópamonos con que as empresas do sector nos demandaban información e entrevistas sobre os estudantes que o día anterior presentaran os seus estilismos”. Para atender esa necesidade, o día 28 celebraranse unhas Xornadas Profesionais sobre comunicación e estratexias de recursos humanos con directivos, consultores e representantes de empresas como El Caballo, Neo Moda Barcelona, El Ego de Cibeles, Purficación García, Carolina Herrera ou do grupo Caramelo.

Éxito en Tesoira 2008

Que o empeño e a ambición deste PontevedraDebut non é excesivo xustifícase no éxito dos alumnos da primeira promoción de Esdemga e, máis recentemente, na entrega dos premios Tesoira 2008 que se fallaron onte en Vigo. As alumnas Isabel Mastache, Eva Soto e Mónica Bastón coparon os tres primeiros postos do certame. “É unha satisfacción e unha alegría por elas”, confesou Dopico.

Defensa da titulación

A directora de Esdema tamén aproveitou para sinalar a súa intención de presentar un proxecto na Agencia Nacional de Evaluación de Calidad y Acreditación (ANECA) en 2010, cando comeza o prazo de rexistro de novos títulos, para incluír os estudos de deseño e moda entre o catálogo de titulacións xa que “existe unha necesidade real de formación universitaria neste sector”. Como exemplo, o 70% de alumnos da primeira promoción que tres meses depois de rematar os estudos xa tiñan traballo.