DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un profesor do Máster de Tecnoloxía Ambiental coordina o uso do xeorradar en proxectos arqueolóxicos

Un pontevedrés na busca da tumba de Genghis Khan

Alexandre Novo participará proximamente na procura dunha vila medieval en Polonia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 08/01/2014

A busca da tumba do emperador Genghis Khan ou a investigación para saber se un fresco de Leonardo da Vinci se atopa oculto tras outra pintura nas paredes dun palacio de Florencia son algúns dos proxectos nos que participou Alexandre Novo nos últimos anos. Non en van, este ex-alumno da Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra e profesor no Máster en Tecnoloxía Ambiental é un experto na xeración de mapas tridimensionais GPR mediante o uso do xeorradar, unha tecnoloxía que antes dunha esvacación permite obter unha valiosa información do que os arqueólogos poderán atopar baixo o solo.

De feito, o potencial desta tecnoloxía para o desenvolvemento de investigacións arqueolóxicas foi o obxecto central, no ano 2009, da súa tese de doutoramento, que dirixiu o profesor Henrique Lorenzo. Por iso, nos últimos anos, este enxeñeiro que na actualidade traballa na división de xeorradar da empresa IDS North America en Montreal (Canadá), ten sido convidado a participar nunha serie de proxectos de investigación internacionais en diferentes partes do mundo.

De Mongolia a Xordania

De todos eles, o que define como máis excitante foi o que o levou nos anos 2010 e 2011 ata Mongolia, onde a Universidade de California San Diego, a Academia de Ciencias de Mongolia e o canal National Geographic iniciaron unha investigación que tiña como meta atopar a tumba de Genghis Khan. “A miña participación centrouse no uso de técnicas xeofísicas para localizar zonas subterráneas que puidesen indicar a presenza de restos antropolóxicos nunha zona remota do norte deste país”, relata. Está previsto que os resultados desta investigación sexan dados a coñecer nun artigo nunha publicación científica a finais do presente ano, mais o labor levado a cabo sobre o terreo xa fixo posible o descubrimento dun palacio do século XIII ou XIV, explica Novo, que recoñece a existencia de “moita controversia política” neste país asiático con respecto á busca da tumba do mítico emperador.

Máis recentemente, no ano 2013, Novo tamén puxo os seus coñecementos en materia de xeración de imaxes GPR ao servizo do proxecto arqueolóxico Baikal-Hokkaido, na illa de Rebun, ao norte de Xapón. Neste caso, a investigación impulsada polas universidades de Alberta, Oxford e a Freie Universität de Berlín, xunto coa Japan Society for the Promotion of Science, estaba centrada na busca de tumbas humanas de civilizacións prehistóricas na zona.

Previamente, Alexandre Novo tamén participara en Xordania no proxecto arqueolóxico Edom Lowlands, que investiga a presenza de restos de produción metalúrxica do período Neolítico no xacemento de Khirbat Faynan. Así mesmo, tamén formou parte, aínda que dun xeito “máis marxinal”, na busca no Palazzo Cinquecento de Florencia de La battaglia di Anghiari, “un fresco de Leonardo da Vinci que supostamente está oculto tras outro fresco”, explica. Pero ademais, as colaboracións deste enxeñeiro con este tipo de proxectos continúan, xa que recentemente foi convidado pola Universidade Adam Mickiewicz de Poznan (Polonia) a participar na busca dunha vila medieval, o que o levará a trasladarse a este país nos próximos meses.

Imaxes coas que poder escavar

“Basicamente, o que facemos co xeorradar é enviar un pulso electromagnético de moi curta duración e rexistrar os cambios que se producen nese sinal mentres viaxa por diferentes materiais”, explica Novo. Os datos obtidos almacénanse a continuación “en perfís que representan algo similar a un corte perpendicular da superficie do terreo investigado” e o seu posterior procesado permitirá, da man do software GPR, a xeración de imaxes tridimensionais e mapas para a súa interpretación por parte dos arqueólogos. Deste xeito, a través dunha técnica non invasiva como é o xeorradar obtense información das dimensións, forma ou profundidade do xacemento. Trátase pois, dun paso previo que posteriormente pode vir sucedido de escavacións e descubrimentos. Iso foi por exemplo, o que xa viviu Novo como investigador da Escola de Enxeñería Forestal cando participou no Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio. “Logramos determinar a extensión dunha muralla defensiva dunha cidade do 2600 AC e posteriormente eses resultados foron validados por escavacións”, destaca.

Mais o arqueolóxico non é nin moito menos o único uso dunha tecnoloxía “non moi desenvolvida”, segundo afirma o investigador. De feito, recórrese ao xeorradar e a xeración de imaxes GPR para a detección de tubaxes soterradas, para o cálculo de espesor das capas de asfalto ou para a busca forense de corpos ou fosas.