DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pontismo, paracaidismo e parapente conforman a oferta do programa Delecer 2008

As actividades desenvolveranse nos meses de marzo, abril e maio

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 29/02/2008

Actividades de ocio e tempo libre ao aire libre e non aptas para cardíacos. Esta é a proposta do programa Delecer para o segundo cuadrimestre que comprende pontismo, paracaidismo e parapente.
As actividades, que comezarán a finais do mes de marzo, terán lugar en distintos puntos da xeografía galega e do norte de Portugal e contarase para a súa organización, con clubs e entidades deportivas con experiencia nestas disciplinas.
Para cada un dos deportes organizaranse varios grupos, de xeito que ao longo dos meses de abril e maio se realicen varias saídas. A matrícula deberá ser formalizada o martes anterior a cada saída e poderán inscribirse os membros da comunidade universitaria, que poderán ser acompañados por unha persoa allea á Universidades e tamén os socios do Complexo Deportivo Universitario de Vigo.

Tres deportes de altura

Pontismo, paracaidismo e parapente son as tres actividades previstas para para ocupar o tempo de lecer nesta primavera.
A primeira das actividades que se porá en marcha será o parapente. Coa participación do Club Nortada, os saltos terán lugar en Santa María de Oia organizando aos inscritos en dous grupos de sete persoas cada un. O primeiro deles poderá saltar os días 19 ou 30 de marzo e o segundo grupo o 5 ou 6 de abril. Os prezos, que van dos 30€ para os membros da comunidade universitaria, aos 27 para os socios do Complexo Deportivo Universitario e aos 40€ para o público en xeral non inclúe transporte. Para coñecer todos os detalles, o Servizo de Deportes acollerá unha reunión informativa o vindeiro martes 4 de marzo ás 13:15 h.
As sesións de pontismo, que contarán coa colaboración de Turnauga, terán lugar no viaduto sobre o río Tambre en Noia en dúas datas, o sábado 12 de abril e o sábado 19 do mesmo mes. O prezo, que inclúe transporte, é de 24 euros para os universitarios, 21 para os que conten coa tarxeta deportiva universitaria e 32 euros para os inscritos que sexan alleos á institución. Os grupo deberán contar nun mínimo de 20 e un máximo de 40 inscritos para poder realizarse a saída.
Do aeródromo de Palmeira, en Braga, sairán os avións para facer os saltos de paracaidismo, divididos en catro datas. O primeiro grupo será o 26 abril, o segundo ao día seguinte, 27 de abril, o terceiro o tres de maio e o último o catro do mesmo mes. Neste caso, as actividades contan co asesoramento do Club Paracaidismo Galsur e do Club Universitario de Deportes Aéreos e os grupos terán un máximo de seis matriculados, que realizarán saltos en tándem. Os prezos varían segundo inclúan ou non un DVD coa gravación do salto e non se inclúe o transporte. Os universitarios deberán pagar entre 190€ con DVD ou 140€ sen el. Para os socios Complexo Deportivo Universitario a inscrición é de 171€ ou 126€ e para os non universitarios de 235€ ou 175€. Para coñecer todas as condicións, datas e prezos, o Servizo de Deportes da Universidade celebrará xuntanzas informativas nas instalacións do propio servizo o día 3 de abril ás 12:15 h e na EUET Forestal o día 10 do mesmo mes ás 12:00 h.

Toda a información sobre as actividades do programa Delecer 2008 pode consultarse na web do Servizo de Deportes.