DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pop incendiario no Vidal Bolaño da man de Sidonie

A banda catalá presentou este mércores o seu quinto disco "El Incendio"

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Sara Alcázar DUVI 04/03/2010

Co propósito de “incendiar” o escenario ao ritmo da música pop, Marc Ros, Axel Pi e Jesús Senra, integrantes de Sidonie, abriron este xoves a programación cultural do segundo cuadrimestre da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes. Despois de 10 anos sen pisar a cidade de Vigo, a banda aproveitou a ocasión para presentar o seu novo álbum El Incendio no Teatro Vidal Bolaño, que encheu practicamente por completo o seu aforo.
Ao remate da interpretación do primeiro dos temas, o vocalista do grupo Marc Ros amosou o seu agrado por estar no campus e dedicou algunhas palabras de agradecemento ao público vigués, na súa maioría composto por estudantes, que responderon con gritos e aplausos ao tempo que coreaban as letras das cancións do derradeiro álbum, que mestura pop e rock psicodélico. El Incendio, quinto disco da carreira musical de Sidonie, é o máis especial para o grupo catalán, posto que foi gravado en Barcelona e masterizado nos estudos Abbey Road de Londres por Adam Nunn, no mesmo marco no que gravaron The Beatles, o maior referente musical da banda.
Dragonfly, Sidonie, Shell Kids, Fascinado e Costa Azul conforman algúns dos traballos anteriores que recompila a banda dende os seus comezos hai xa 11 anos, cando Marc e Axel, aos que máis tarde se uniría Jesús Senra, comezaron a tocar xuntos grazas a un anuncio para formar unha banda con influencias de The Beatles, The Rolling Stones, Byrds e David Bowie, entre outros.

Programación para a semana que vén

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, a programación cultural inclúe unha exposición de batas entre o 8 e o 11 de marzo, na Biblioteca Universitaria de cada campus. Ademais, o día 9 terá lugar a presentación da curtametraxe Bata por fóra (muller por dentro) da man de Claudia Brenlla, guionista e directora do filme, nos campus de Vigo e Pontevedra e, o día 10, no campus de Ourense.
Por outra banda, a programación teatral iniciarase o vindeiro mércores 11 de marzo coa performance Exstrada Francia, presentada pola compañía francesa Etxea ao abeiro do Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo, Alt10.