DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Daniel Arasa, profesor de Comunicación Dixital na Universidade Pontificia da Santa Cruz de Roma:

"Unha porcentaxe cada vez maior de sacerdotes empregan o móbil para ler as súas oracións diarias”

Impartiu un relatorio ao alumnado do Máster en Investigación en Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 03/12/2010

O alumnado do Máster en Investigación en Comunicación da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación contou, por segundo ano consecutivo, coas ensinanzas de Daniel Arasa, profesor de Comunicación Dixital na Facultade de Comunicación Institucional da Universidade Pontificia da Santa Cruz de Roma, que impartiu un seminario centrado na análise de sitios web. Especializado en comunicación eclesiástica, comentou para o Duvi os últimos resultados sobre un recente estudo do uso que os sacerdotes fan de internet así como unha aproximación teórica sobre a xestión de comunicación tendo como cliente a Igrexa.

Recentemente realizou, en colaboración con outros investigadores, un estudo sobre o uso que os sacerdotes realizan de internet. A que conclusións chegaron?
Foron 5000 entrevistas a sacerdotes de todo o mundo coa intención de coñecer como usan internet no ámbito profesional. En síntese, hai unha visión moi positiva da rede, ao contrario do que se poda pensar. Como datos curiosos moitos empregan internet para preparar a súa predicación, en cambio úsana moi pouco para a asistencia espiritual, que prefire facerse en persoa. Por outra banda, unha porcentaxe destacable emprega a rede para rezar, descargando no ordenador ou no móbil as oracións. En canto ao uso de redes sociais, un cuarto dos entrevistados úsanas, pero para actividades de evanxelización.

Está acadando moita importancia a comunicación 2.0 para a Igrexa?
Hai unha conciencia clara na Igrexa de que cada vez é máis importante, pero hai á vez un medo prudencial. Entrar no mundo 2.0 implica diálogo, cousa que non é moi fácil para aqueles que están acostumados a unha comunicación unidireccional. Existe un medo a como facelo e son poucas as institucións eclesiásticas que teñen presenza no mundo 2.0, pero atópase en crecemento.

Que peculiaridades ten a xestión da información dunha institución como a Igrexa?
Estamos falando de institucións que transmiten valores, crenzas, fe, unha identificación coa persoa, por tanto adquire moito peso a testemuña. Iso require por parte do comunicador mentalidade de comunicación, que non sempre existe porque non todas as institucións relixiosas teñen xente que estudara comunicación; require tamén creatividade especial, porque estamos nun ambiente hostil desde o punto de vista das ideas. É preciso tamén saber presentar esas ideas de un modo amable, o que non sempre é fácil e, por último, estar disposto a recibir críticas, respondendoo ás criticas cunha mellor comunicación e cunha mellor creatividade e non con máis críticas.

Nunha situación de crise, como a que xurdiu polo uso do preservativo, cal cre que sería a forma de actuar?
Un principio claro é que as crises se preparan no momento de calma, é imposible responder a unha se non preveu antes unha posible crise. Nestes caso premia a actividade dos media relations, responsable de contactar cos medios, que debe ter unha relación de confianza co xornalista, fiándose do que se lle responda e sobre todo ser franco; se non temos a resposta pedirlle que agarde para poder darlle unha correcta. Por iso é importante ir traballando a relación cos medios e que sempre estea definido un portavoz, evitando a proliferación de voces distintas. Mais, no caso recente das declaracións do Papa con respecto ao preservativo hai que aclarar unha falta de contextualización das súas palabras. Ademais comentouno nunha entrevista, polo que foi unha opinión teolóxica de unha persoa con moita autoridade, o que non se pode considerar doutrina eclesiástica.

Como se distribúe a responsabilidade comunicacional nunha institución tan grande como é a Igrexa?
Está distribuído polo dereito canónico e a nivel xeral cada circunscrición ten unhas competencias propias, polo que se hai unha crise que afecta a unha diocese responderá o bispo, se é un escándalo que transcende as fronteiras falará a Conferencia Episcopal e se transcende a nivel internacional, o Vaticano falará. Mais, o procedemento habitual é que responda a autoridade local onde sucedeu o escándalo.

Que formación específica debe ter un profesional que teña como cliente a Igrexa?
Para xestionar información eclesiástica hai que coñecer moi ben a institución, saber da historia da Igrexa, un mínimo da súa doutrina, unha formación cultural ampla, humanística, retórica, literatura, formación en comunicación como en calquera outro ámbito, e tamén algúns elementos de management, como marketing, comunicación de crise, economía da comunicación, e sobre todo, saber falar en público.

Prefiren a sacerdotes para ocupar postos de comunicación?
A nivel xeral hai unha porcentaxe maior de profesionais laicos que ordeados sacerdotes. Hai algunhas institucións en particular que se inclinan por sacerdotes, por exemplo nas dioceses pequenas o responsable de comunicación soe ser un sacerdote, en cambio moitos xornais oficiais católicos teñen directores laicos.

A Igrexa é consciente da importancia da comunicación?
E tanto, na facultade na que dou clase os bispos mandan aos seus sacerdotes a estudar para que sexan responsables do labor de comunicación da diocese. Na nosa facultade, representan un 65% do alumnado, mentres que o resto son case todo mozas, resultando unha combinación moi curiosa. Os casos de crise aceleraron esta preocupación pola comunicación, de inverter e formar neste ámbito.