DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Servizo de Deportes do campus ofrece este cuadrimestre un amplo programa de actividades

Se pórse en forma está entre os propósitos para 2014...

Os interesados poden apuntarse a natación, a pilates, a tenis e a un longo etcétera de modalidades

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 14/01/2014

Co inicio dun novo ano son moitos os desexos de cambiar de hábitos de vida ou de mellorar determinados aspectos. Un dos máis comúns, acentuado polos excesos do Nadal, é o de practicar máis deporte, ben sexa para adelgazar ou para ter unha mellor condición física. Para os membros da comunidade universitaria e para as persoas alleas a ela, o Servizo de Deportes do campus de Ourense pon en marcha neste segundo cuadrimestre un amplo programa de actividades e servizos. Unha vez máis, as escolas deportivas serán as estrelas desta programación grazas á súa ampla oferta de modalidades, que van desde a natación e o pilates ata o xadrez e a defensa persoal.

40 opcións de escolas deportivas

“Agora é o momento de que as persoas que están buscando algunha actividade de exercicio ou ocio na que inscribirse boten un ollo á programación do Servizo de Deportes e se apunten no que máis lle guste ou no que máis se adapte ás súas necesidades. Hai unha variedade moi ampla e atractiva de posibilidades”, destaca Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense. Este cuadrimestre apunta, volven de novo a abrir as súas portas as escolas deportivas, que ofertarán aos membros da comunidade universitaria arredor de 40 opcións, como son natación, tenis, voleibol, defensa persoal, aero-jump, rugby, salvamento acuático, xadrez, pilates, ioga, danza da Polinesia, baile latino, street e break dance, iudo, danza oriental, adestramento persoal e aeróbic, entre outras. “Sempre intentamos mesturar modalidades que teñen un público fiel con novas opcións para poidan atraer a novos públicos á práctica deportiva”, comenta Pivida.

Os inscritos nestas escolas teñen clases semanais ao longo do cuadrimestre nos espazos habilitados, que poden ser as propias instalacións do campus de Ourense, como o pavillón, as pistas de tenis, o campus de futbol-rugby e a ludoteca; a piscina universitaria CDU-AQA e centros externos como Bregma, Pavillón dos Remedios, Camino Pilates, Casa del Elefante, Enka Danza Oriental, Sabrosura e os ximnasios Marbel, 2000 e Dinamic Center. O prazo para inscribirse nelas estará aberto do 20 ao 24 de xaneiro para as persoas que renoven e do 29 de xaneiro ao 5 de febreiro para as novas incorporacións.

Abonos e eventos

Para os membros da comunidade universitaria pero tamén para as persoas alleas a ela que desexen aproveitar as instalacións e servizos do campus, o Servizo de Deportes ofrece unha serie de abonos e tarxetas con diferentes vantaxes. Segundo a modalidade que merquen e o tipo de público que sexan, os usuarios poderán empregar durante o cuadrimestre instalacións tanto de uso individual coma colectivo do campus, como a súa sala de cardio-fitness, pistas de atletismo, tenis de mesa, pistas de tenis, campo de herba sintética ou o pavillón. Entre as novidades deste curso académico, ofértase unha tarxeta para empregar de xeito combinado as instalacións deportivas do campus e a piscina universitaria. “Durante o primeiro cuadrimestre esta tarxeta combinada tivo moitísimo éxito a pesar de ser a primeira vez que se ofrecía”, apunta o responsable do Servizo de Deportes do campus de Ourense. A solicitude dos abonos pode realizarse en calquera momento do ano, sendo o período de actividade para este segundo cuadrimestre do 1 de febreiro ao 30 de xuño.

Alén desta programación, o Servizo de Deportes continuará ofertando dentro da súa programación as rutas culturais, das que aínda quedan sete traxectos por realizar; o programa Ponte en Forma, de atención personalizada, e os seus servizos de Fisioterapia e Medicina Deportiva. Cos equipos universitarios e os federados xogando nas súas respectivas competicións, o campus de Ourense, apunta por último Rodrigo Alberte Pivida, acollerá en febreiro a final das ligas universitarias Intercampus, en marzo o Campionato Universitario de Squash e antes de que remate o curso o II Fitness Day.