DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha fotografía da alumna de doutoramento Victoria Diehl abre o anuario de cultura do seu suplemento

A portada do New York Times que tivo o seu xerme na Facultade de Belas Artes

A artista retrata a actriz Lena Dunhan como unha "icona da cultura clásica"

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 01/10/2014

Hai dous anos, coincidindo coa celebración do festival PhotoEspaña en Madrid, Victoria Diehl tivo a oportunidade de intercambiar impresións con Joanna Milter, a editora de fotografía do New York Times, que lle amosou o seu interese polos traballos que realizara mesturando modelos e estatuas clásicas na súa etapa de estudante da licenciatura en Belas Artes. Pero, máis aló dos eloxios, “o certo é que a cousa quedou aí e non volvín saber nada”, recoñece Diehl. Ata que este mes de agosto recibiu unha inesperada chamada do ouro lado do Atlántico. “Para a portada do número anual de cultura do New York Times Magazine, deciden contar coa actriz Lena Dunham e pensan en darlle un enfoque clásico á foto. Entón, acórdanse de min”, relata esta alumna de doutoramento, que días despois viaxaba aos Estados Unidos coa encomenda de transformar a actriz e directora “nunha icona da cultura clásica”.

Tomando como punto de partida unha fotografía que ela mesma realizara anos atrás da estatua Venus Victrix, na que Antonio Canova retrata a Paulina Bonaparte, irmá de Napoleón, Diehl marchou o 18 de agosto a Nova Iork para realizar unha sesión fotográfica con Dunham, na que obtivo as imaxes que lle permitiron logo “traballar na posprodución mesturando imaxes da actriz e da estatua”. Semanas máis tarde, o 14 de setembro, o resultado final deste proceso vía a luz como portada do anuario de cultura do suplemento dominical do New York Times, para logo entrar tamén a formar parte dunha exposición itinerante de fotografías realizadas para este xornal ao longo dos últimos trinta anos.

“Foi algo inesperado, pero tamén unha grande oportunidade de darme a coñecer nos Estados Unidos, xa que a revista ten unha grande difusión e permíteme chegar a máis xente fóra dos círculos da arte contemporánea, máxime cando a actriz elixida é moi coñecida alí”, apunta Diehl, que recoñece así mesmo esta encarga como “un verdadeiro reto, xa que había que conseguir que se recoñecera a Dunham, pero tamén que se transformara nunha escultura clásica”.

Unha liña de traballo que naceu na facultade

Segundo relata Diehl, esta portada do New York Times Magazine tivo como punto de partida unha serie de fotografías que realizou en 2003 como alumna de Belas Artes e que no seu día naceron “como un exercicio para unha materia, que desenvolvín grazas ao equipo e as instalacións da facultade e que non tería sido posible sen a axuda de profesores como Manuel Sendón”. O seu obxectivo, relata, era indagar “na metamorfose, na transformación do corpo levándoo a fronteiras non definidas”, algo que levou a cabo combinando as fotografías feitas a modelos coas realizadas a esculturas clásicas.

Mais o que naceu nas aulas tardou pouco en comezar a medrar, xa que ese mesmo ano, Diehl resultou beneficiaria dunha bolsa de creación fotográfica para o Concello de Santiago de Compostela, que fixo posible unha exposición no Museo do Pobo Galego e a publicación do libro “que dá nome a todo este proxecto artístico", Vida e Morte das Estatuas. Dous anos despois, esta liña artística daría pé a unha segunda publicación, O Corpo Vulnerable, un libro xurdido trala estadía de Diehl como bolseira na Academia de España en Roma. Estas dúas publicacións foron posteriormente seleccionadas polo comisario David Barro, actual director da Fundación Luís Seoane, para entrar a formar parte do arquivo de creadores do Centro de Cultura Contemporánea de Madrid, que foi, precisamente, onde as atopou, anos máis tarde, a editora do New York Times que este verán levou a Diehl a cruzar o océano.

Xunto a referentes do fotoxornalismo e a arte contemporánea

Despois de que a súa fotografía vise a luz en forma de portada, Victoria Diehl, que na actualidade traballa como profesora na Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade de Zaragoza, recibiu unha segunda alegría do outro lado do Atlántico. Os comisarios Kathy Ryan e Lesley A. Martin viñan de seleccionar a súa imaxe para a exposición The New York Times Magazine Photographs, que desde o 17 de setembro se exhibe na Aperture Foundation de Nova Iork. Diferentes obras realizadas por fotoxornalistas de renome e por algúns dos creadores que, como salienta Diehl, "atópanse hoxe en día entre os máis destacados da arte contemporánea” forman parte desta mostra colectiva itinerante, que hai uns meses retornaba a Estados Unidos despois de ter viaxado por diferentes puntos de Europa e que reúne unha selección das fotografías publicadas por este xornal ao longo das tres últimas décadas. De aí que esta coruñesa saliente que o seu traballo se atopa “moi ben rodeado nesta exposición”, que en novembro se trasladará a Tennessee e que comparte con nomes como os de Philip-Lorca diCorcia, Sebastiao Salgado, Larry Towell, Jeff Koons ou Annie Leibovitz.