DUVI

Diario da Universidade de Vigo

PDI, PAS e alumnado deberá inscribirse previamente para realizar a visita

Portas abertas desde este mércores para a comunidade universitaria no edificio Redeiras

O edificio está operativo na súa totalidade en horario de mañá

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 02/11/2021

Os próximos días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de novembro os membros da comunidade universitaria poderán visitar o edificio Redeiras, que acolle a nova sede institucional da Universidade de Vigo. O inmoble, localizado nos números 11,13 e 15 da praza do Berbés, e que ocupa unha superficie de 1450 metros cadrados, abrirá as súas portas esta semana e a próxima para amosar as súas instalacións ao persoal docente investigador, persoal de administración e servizos e alumnado, que poderá coñecer “in situ” as dependencias nas que a UVigo xa desenvolve actividades académicas e institucionais no centro da cidade. 

As persoas que queiran participar nas visitas, que terán lugar entre as 16.00 e as 19.30 horas, deberán solicitar cita previa, o que permitirá organizar quendas de 30 minutos con grupos dun máximo de 30 persoas. “O reitor considerou oportuno que a comunidade universitaria puidese visitar o edificio”, explica o vicerreitor de Planificación e Sostenibilidade, José Luis Míguez Tabarés, que reitera o seu agradecemento á Xunta de Galicia e ao Consorcio do Casco Vello de Vigo pola consecución do edificio. “Despois do tempo transcorrido e dos continuos contratempos de todo tipo, entendo que o inmoble pagou a pena e agardamos que sexa de grande utilidade para toda a comunidade universitaria cos servizos que nel se programen”, sinala o vicerreitor, que confirma que o edificio está operativo na súa totalidade en horario de maña.

A día de hoxe, oito son as persoas e dous os servizos da UVigo que desenvolven a súa actividade no edificio Redeiras. Xunto á persoa de conserxería que se encarga de abrir e pechar a porta, no inmoble traballan cinco persoas dunha sección do Servizo de Información ao Alumnado (SIE) e outras dúas dunha unidade da Oficina de Relacións Internacionais (ORI). “Polo momento non está pensado que baixen máis servizos, posto que haberá que avaliar o funcionamento dos desprazados”, avanza Míguez, en relación cun posible incremento de persoal que desenvolvese a súa función en Redeiras.

Catro anos e medio de traballos de rehabilitación e construción 

Catro anos e medio de traballos de rehabilitación e construción dirixidos polo estudo de arquitectura Abalo Alonso e tres millóns de euros investidos pola Xunta de Galicia en tres pequenas vivendas de pescadores, situadas nos números 11,13 e 15 da praza do Berbés, permiten á UVigo dispor dun inmoble, no que desenvolver actividades académicas e institucionais no centro da cidade, onde quedara sen presenza, tras abandonar o edificio da antiga Reitoría da rúa Porto.

Cun orzamento de execución material de aproximadamente 1.6 millóns de euros, as obras arrancaron en decembro de 2016 partindo de tres inmobles que se atopaban en ruínas e dos que só se conservaba parte das fachadas dianteiras, cos arcos de pedra dos soportais e parte dos balcóns. Un interior moi flexible e a utilización dunha paleta reducida de materiais, son dúas das características desta intervención, cuxa estrutura de madeira contralaminada, convérteo, no primeiro edificio público en altura construído en España con esta tecnoloxía, con paneis fabricados en Centroeuropa, mecanizados en Navarra e montados en Vigo, o que permitiu reducir, tanto o tempo da obra, como o impacto ambiental.  

En canto á distribución do inmoble a planta baixa conta cun espazo de recepción, tenda e campus virtual; na primeira localízase atención ao alumnado, espazos de traballo compartido; sala de prensa e despacho institucional; aulas e oficinas na segunda, para terminar cunha zona de exposicións na terceira. Conserváronse e restauráronse os soportais dos tres edificios orixinais, mentres que a fachada do inmoble situado á esquerda desmontouse e reconfigurouse para adaptarse á altura entre forxados das outras dúas. A parte central conservouse, tal cal, reforzándose a trabazón da cantería e completándoa cunha nova cornixa de granito, mentres que a fachada correspondente ao inmoble situado á dereita deixouse practicamente tal cal, restaurando as molduras existentes e pintando o conxunto.