DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Portugués intercomunicativo e conversa de signos renovan a oferta do Centro de Linguas

O prazo de matrícula permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 25/09/2008

Comunicarse en portugués ou aprender a conversar en lingua de signos española xa é posible en Ourense grazas ás novidades que este cuadrimestre ofrece o Centro de Linguas. Estes novos cursos súmanse aos xa tradicionais español para estranxeiros, inglés e inglés de conversa, italiano e lingua de signos para completar unha variada oferta que comezará a súa andaina o vindeiro 6 de outubro. Para tomar parte en calquera deles é preciso formalizar a matrícula antes do martes 30 de setembro.
“A demanda este ano está a ser moi alta, sobre todo, e como ven sendo habitual, nas dúas variantes de inglés e en español para estranxeiros” explica Alfonso Rodríguez, administrativo do Centro de Linguas. De feito, os principais interesados nos cursos de castelán son os alumnos Erasmus, “que xa nos son remitidos dende a Oficina de Relacións Internacionais do campus” engade.
En canto ás novas apostas parece que están a correr unha sorte bastante diferente, xa que a boa acollida do curso de conversa en lingua de signos contrasta coa “pouca aceptación do de portugués”, tal como apunta Rodríguez.
Outra das diferenzas con respecto a anos anteriores reside na incorporación dun nivel superior en inglés, o B2 europeo, xa que ata o momento só existía o intermedio B1. Así, a lingua raíña conta con tres cursos diferenciados: o de inglés de conversa, de 20 horas de duración e cun nivel mínimo requirido B1 e o de inglés de 45 horas cos niveis intermedio e intermedio alto.

Información de matrícula

Os prezos dos cursos dependen do número de horas lectivas. Deste modo, os de 45 horas custan 135 euros para membros da comunidade universitaria e 180 para os alleos mentres que os de 20 horas oscilan entre os 60 e os 80 euros, dependendo a que colectivo se pertenza. Ademais, o de español para estranxeiro, cun prezo de 240 euros redúcese ata só 30 para os estudantes de intercambio internacional.
A matrícula, que deberá ser formalizada antes do vindeiro martes, poderá efectuarse a través da páxina http://www.uvigo.es/areas/centrolinguas/index.gl.htm, vía e-mail no enderezo centrodelinguas@uvigo.es, de xeito presencial nas oficinas do campus de Vigo ou incluso por fax ou correo ordinario.