DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun artigo realizado xunto a investigadores da Universidade Tecnolóxica de Tallín

O Post-Growth Innovation Lab defende unha visión alternativa da innovación nunha das principais publicacións científicas neste eido

Publicado en ‘Technovation’, avoga por vinculala ao seu “valor de uso”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 21/07/2023

Considerada unha das principais revistas científicas no ámbito da innovación, Technovation publicaba recentemente un artigo asinado polos integrantes do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo Mario Pansera e Ben Robra, xunto cos investigadores da Universidade Tecnolóxica de Tallín (TalTech) Alex Pazaitis e Chris Giotitsas, no que formulan unha visión alternativa do concepto de innovación. O estudo pon o foco nas consecuencias sociais e ambientais dunha visión da innovación baseada “no aumento da produtividade”, como explica Pansera, fronte ao que avogan por un modelo sustentado no “valor de uso” das innovacións e en que estas estean dirixidas a “resolver necesidades e problemas reais das persoas”.

Technovation é unha das revistas máis importantes do mundo no referido á innovación e ao cambio tecnolóxico”, sinala Pansera, coordinador do Post-Growth Innovation Lab, con sede no campus de Pontevedra. De aí que saliente a importancia de presentar nunha publicación como esta “un artigo que é crítico co concepto de innovación” e que propón unha visión alternativa á “como se concibe esta no mundo da industria”. 

Unha visión “contrahexemónica” da innovación

No artigo From creative destruction to convivial innovation – A post-growth perspective, os investigadores da UVigo e do grupo Cosmolocalism de TalTech reflexionan en primeiro termo sobre a idea de “destrución creativa, un concepto do economista Joseph Schumpeter que di que cada vez que unha empresa innova, por unha banda crea algo novo e, por outra, destrúe algo vello”, explica Pansera. Esta idea viría sustentada por exemplos como a substitución das máquinas de escribir polos ordenadores, mais, como recalca o responsable do Post-Growth Innovation Lab, “non sempre o que innovamos é mellor que o que tiñamos”. 

Partindo deste marco, os investigadores inciden en que a actual forma de entender a innovación, “baséase no concepto de valorización”, en que “da innovación poidas sacar beneficios”, subliña Pansera. “O que dicimos é que isto é unha característica fundamental dos procesos de innovación na economía capitalista, pero que non é a única maneira de innovar”, engade. Neste punto, os autores deste estudo defenden centrar estes procesos no “valor de uso”, en lugar de no “valor de cambio”, en que a innovación teña como obxectivo “resolver problemas”. Á súa vez, sosteñen que unha “visión contrahexemónica” da innovación, que poña énfase na “convivencia e o valor de uso é posible e necesaria para abordar os desafíos ambientais e sociais do noso tempo”. Neste punto, sinalan concretamente “á produción entre pares baseada nos bens comúns” (CBPP, polas súas siglas en inglés). “É un modelo completamente oposto, no que se fai un deseño participativo da tecnoloxía e os procesos e os códigos son abertos, compartidos libremente entre unha comunidade”, explica Pansera, que lembra que iniciativas deste tipo, que mostran "formas diferentes de relacionarse coa tecnoloxía", son xa “moi comúns” no desenvolvemento de software.

Coa idea de amosar que esa innovación, marcada por “valores contrahexemónicos, xa existe”, os investigadores presentan os resultados dos estudos que realizaron de dúas iniciativas CBPP. Por unha banda, Wind Empowerment, unha rede global integrada por 73 organizacións, que ten como obxectivo “o intercambio de coñecemento sobre o deseño, produción e mantemento de pequenas turbinas eólicas de fabricación local”, co propósito de contribuír a unha “electrificación rural sostible”, segundo explican nesta publicación. Por outra, L´atelier paysan, unha “rede de granxeiros, enxeñeiros e profesionais” de Francia, que “colaboran para deseñar e fabricar tecnoloxías agrícolas personalizadas”.

Unha economía circular xusta

“Máis aló de contribuír a unha conceptualización diferente da innovación, a definición contrahexemónica da innovación e tecnoloxía presentada neste artigo contribúe a comprender como poderían xurdir sociedades poscrecemento”, conclúen os autores deste traballo. O estudo de como unha sociedade pode prosperar sen un crecemento económico continuado é nese senso unha das liñas centrais de traballo do Post-Growth Innovation Lab, o grupo creador por Pansera en Pontevedra tras ser beneficiario dunha axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación. 

Nesa mesma liña insírese tamén o proxecto europeo JUST2CE, liderado por Pansera e coordinado polas universidades de Vigo e Autónoma de Barcelona. O seu obxectivo é analizar como pode promoverse unha transición cara unha economía circular que, ademais de contribuír á preservación dos medio ambiente, sexa tamén socialmente xusta. Neste traballo insírese precisamente o artigo que Pansera publicaba recentemente no Journal of Cleaner Production, xunto a Ben Purvis, da Universidade de Sheffield, e Dilay Celebi, do South-East European Research Centre de Grecia. Neste estudo, propoñen modificar o enfoque da economía circular, incluíndo tamén a perspectiva da xustiza social, avogando por así por un “novo paradigma”, o da “economía circular xusta”, que poría o foco desta transición “nos principios de xustiza social e medioambiental, en vez de abordalo como un mero reto tecnocrático”, segundo recollía a Autónoma de Barcelona