DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Posta ao día sobre o novo Plan Xeral de Contabilidade en pleno peche de exercicio

O profesor Patricio Sánchez dirixe un curso que afonda nos principais cambios que supón esta normati

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 16/12/2008

O ano vai rematando e con el chega o peche de exercicio, un dos momentos máis importantes do ano para as empresas, xa que nestas datas o traballo acumúlase e xorden numerosas complicacións. A aprobación do novo Plan Xeral de Contabilidade supón novidades desde a perspectiva contable e fiscal e, polo tanto, máis dificultades. Co obxectivo de pór ao día aos estudantes a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo iniciou este martes o curso Peche de exercicio co novo Plan Xeral de Contabilidade: novidades contables e fiscais.
“É preciso facer unha revisión dos principais cambios tanto dende o punto de vista académico como profesional”, explicou Patricio Sánchez, profesor da Universidade e un dos organizadores e docentes do curso. “O anterior plan de contabilidade era do ano 91, polo que hai 16 anos que non se vivía unha transformación coma esta”, engadiu Sánchez.
Este curso xurdiu a raíz dun anterior que se realizou a principios de ano para tratar este mesmo tema, “a petición dos alumnos, que botaron en falla un sentido máis práctico, decidimos realizar unha nova sesión que abordase o Plan Xeral de Contabilidade de xeito máis amplo”, comentou Sánchez. A pesar de que a afluencia ao curso non foi a esperada, Sánchez amosouse satisfeito e observou positivamente que “deste xeito as sesións serán como ter clases particulares e permitirán unha maior interacción”.

Teoría e práctica

A través de catro sesións abordarase a materia tanto dende unha perspectiva contable como fiscal. A primeira sesión, de carácter máis teórico, orientouse a coñecer “que tiñamos ata agora, por que se realizou un cambio e cales son as principais novidades”, explicou Sánchez. Tras esta posta en antecedentes, as clases do mércores 17 e xoves 16 dedicaranse a afondar “nos aspectos contables do novo plan, que teñen máis transcendencia e incluiranse exercicios prácticos”, indicou Sánchez. Xa para rematar, “aínda que de seguro quedarán cousas no tinteiro porque este é un tema moi amplo”, precisou Sánchez; a sesión do venres centrarase na fiscalidade partindo da base adquirida nas anteriores sesións.
Ao remate do curso aos asistentes non só lles quedará un diploma que acredite a súa asistencia, senón que ademais entregaránselles os apuntamentos teóricos e os exercicios prácticos vistos durante as clases, de xeito “que os poidades empregar no voso futuro académico ou profesional para consultar calquera dúbida”, dixo Sánchez.

Plan Xeral de Contabilidade

Este plan, aprobado en novembro de 2007, entrou en vigor a partir do 1 de xaneiro do presente ano e é de aplicación obrigatoria para todas as empresas. Unha das grandes novidades que incorpora é o feito de establecer unha normativa específica para as PEME. O obxectivo fundamental desta reforma é que “os principios e criterios contables que se aplican nas contas anuais individuais estean en sintonía co regulado polas Normas Internacionais adoptadas pola Unión Europea”, explicou Sánchez. Vivimos nun mundo globalizado, sen fronteiras no que as empresas se desprazan e traballan con outras corporacións internacionais, por iso é preciso “unha información financeira fiable, de calidade, transparente e, sobre todo, comparable” e, para iso, “hai que ter criterios contables claros e homoxéneos que sexan entendibles por todos”.
Por iso o Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas (ICAC) encargado de acometer esta reforma en España, traballou cara a harmonización contable a nivel internacional adoptando no seu plan as Normas Internacionais de Contabilidade (NIC).