DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A 3ª edición das xornadas "O Camiño de Santiago para o século XXI" terá lugar no Auditorio

A posta en valor do Camiño Xacobeo do Sueste e a Vía da Prata, obxetivo dun congreso

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 21/04/2008
O camiño xacobeo do Sueste será o eixo sobre o que o congreso O Camiño de Santiago para o século XXI xirará na súa terceira edición. Co fin de afondar no estado actual de estudo, protección e posta en valor da ruta, case unha trintena de especialistas daranse cita entre os días 24 e 29 de abril no Auditorio Municipal de Ourense, nunhas xornadas organizadas pola Consellería de Innovación e Industria e Xacobeo, dentro do abano de actividades que precederán ao Ano Santo 2010, e coas que colabora a Universidade de Vigo.
Logo das anteriores citas celebradas en Lugo no ano 2006 para debater sobre o camiño primitivo, e en Pontevedra, o ano pasado, co camiño portugués como protagonista, Ourense acolle esta nova edición como principal urbe e punto de encontro do camiño do Sueste. Ademais, o congreso serve como punto de encontro entre dous itinerarios culturais, a senda meridional para chegar a Compostela, e a Vía da Prata, que enlaza Mérida e Astorga, con desviacións ata Sevilla e Xixón, e que se une á Ruta Xacobea.
Isabel Diéguez, profesora do Departamento de Organización de Empresas e Marketing, comentou que “esta é a segunda edición na que participamos. Dende o Xacobeo pedíronnos a nosa colaboración, especialmente a da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, por ser a única universidade pública en Galicia que imparte esta segunda titulación. Participamos tanto na elaboración e deseño da estrutura das xornadas e na elección dos relatores, como con algunhas conferencias” dixo. Concretamente, Yolanda Barriocanal, profesora de Historia da Arte, participará na mesa redonda do venres 25, mentres que o coordinador do Máster de Dirección e Planificación do Turismo, Xosé Antonio Fraiz, impartirá, ese mesmo día, a conferencia A Ruta da Prata: novos produtos turísticos para a súa potenciación.

Información para os interesados

Precisamente o congreso está dirixido “a todas aquelas persoas con interese no ámbito do turismo, xa sexa persoal ou porque traballan nalgún eido relacionado, e por suposto, aos alumnos da diplomatura” comentou Isabel Diéguez, que resaltou “a extensión do programa, que abrangue dende representantes de asociacións de amigos do camiño ata responsables institucionais galegos e doutras comunidades polas que pasa a devandita ruta, pasando por expertos e profesores de varias universidades” dixo.
O prazo para inscribirse remata o 23 de abril, e os interesados en facelo ou en obter máis información, así como o programa completo, poderán facelo na páxina www.xacobeo.es
Dende a organización prevén “un número de asistentes similar ao do ano pasado, en torno a 300, dos que varias ducias eran universitarios” comentaron, polo que poderán obter un crédito de libre elección.