DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberto ata o 16 de xuño o prazo para participar na cuarta edición do Proxecto de Visibilización Arti

Postais para facer visible o talento das novas creadoras

A Unidade de Igualdade seleccionará 32 traballos, que serán expostos nos tres campus, no CGAC e no M

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 26/05/2014

Na Facultade de Belas Artes, o número total de alumnas supera con moito ao de alumnos. “Estamos a falar dun 70% fronte a un 30%", sinala a profesora Almudena Fernández, unha das comisarias do Proxecto de Visibilización Artistas, co que a Unidade de Igualdade da Universidade busca facer visible o talento das novas creadoras que se forxan nas aulas. Non en van, no ámbito profesional “esas cifras dan a volta” e a porcentaxe de mulleres que participan en exposicións ou están representadas en galerías pasa a ser do 30%, segundo denuncia Fernández. Co ánimo de loitar contra esta situación naceu precisamente este proxecto de visibilización, que na súa cuarta edición seleccionará o traballo de 32 estudantes das facultades de Belas Artes e Ciencias Sociais e da Comunicación para difundilo en formato de postal.

“Esa inversión das cifras significa algo”, sinala Fernández, que incide no feito de que “todos os estudos que analizan a participación das mulleres no campo da arte indican que as mulleres están moi pouco representadas”. De aí a importancia de “visibilizar o seu talento e facilitar vías de difusión para que a súa obra sexa coñecida e recoñecida”, como engade Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade, que sinala que o principal obxectivo desta iniciativa é “ofrecer unha canle de comunicación cos axentes que xestionan o mundo da arte para favorecer a incorporación das mulleres artistas que saen da nosa Universidade ao campo profesional”.

Admisión de propostas ata o 16 de xuño

Segundo se recolle nas bases do proxecto que coordinan as profesoras Almudena Fernández e Mar Caldas, esta iniciativa está aberta ás alumnas de último curso dos graos en Belas Artes, Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, así como ás estudantes dos mestrados en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, Libro Ilustrado e Animación Dixital e Dirección de Arte Publicitaria. As interesadas en participar disporán de prazo ata o 16 de xuño para presentar en formato dixital un máximo de catro imaxes das súas obras, que deberán remitir por correo á Facultade de Belas Artes.

Como salienta Mar Caldas, esta convocatoria está aberta a todo tipo de propostas artísticas, sempre e cando sexan susceptibles de ser reproducidas en formato de postal. “Non teñen porque ser fotografías, pode ser a reprodución dunha instalación ou dunha performance, pintura, escultura... e terase en conta tanto o interese e a calidade da obra como que a súa reprodución funcione como postal”, explica.

Máis de 100.000 postais difundidas nos tres primeiros anos

Un total de 86 obras foron seleccionadas nas tres anteriores edicións desta iniciativa, nas que se difundiron preto de 120.000 copias das imaxes presentadas a través dos diferentes expositores que se instalan nos puntos de maior tránsito dos tres campus da Universidade, aos que en 2013 se sumou tamén á colaboración do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e do Museo de Arte Contemporánea da Vigo (Marco). Nestes espazos, os expositores coas postais víronse complementados por “unha pequena montaxe nos vestíbulos na que se mostraba o traballo de todas as artistas que participaran nas edicións anteriores”, explica Fernández.

Esta colaboración cos “dous centros de arte contemporánea de referencia en Galicia” repetirase na presente edición, anuncia González Penín, que incide no “importante pulo” que esta iniciativa supuxo para un proxecto que “xa está asentado e polo que agardan cada ano as alumnas, moi interesadas en presentar a súa obra”. A directora da Unidade de Igualdade salienta a “moi boa acollida” que tivo a chegada do Proxecto de Visibilización Artistas aos museos, a través da que se conseguiu “chegar a un público habituado a visitar exposicións de arte” e, por este motivo, incide en que se continuará “explorando esta vía para consolidar unha colaboración que nos axude a acadar os obxectivos do proxecto”.

Uns obxectivos que pasan necesariamente por “facer que as alumnas vexan que o seu traballo é valorado, o que supón un primeiro empurrón na súa carreira”, como subliña Fernández, que incide nos tres niveis de difusión das obras que se acadan con esta iniciativa. En primeiro termo, coa presenza nos tres campus dunhas postais gratuítas, “que resultan moi atractivas e que moita xente colecciona”. Pero tamén, nun segundo chanzo, co achegamento dos seus traballos ao Marco e ao CGAC, ao que posteriormente se lle suma “un terceiro nivel de difusión”, a edición dun catálogo cos 32 traballos seleccionados, “que é enviado aos centros de arte contemporánea máis importantes de España, así como a museos e galerías internacionais”. En conxunto, trátase de dar unha serie de pequenos pasos para que “pouco a pouco vaian modificándose esas situacións discriminatorias cara as mulleres no campo artístico”, conclúe Fernández.