DUVI

Diario da Universidade de Vigo

E de postre, maxia

Ilusionismo, xogos con cartas ou trucos con lume tiveron cabida no espectáculo de Dani García

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Anabel Vila DUVI 30/03/2011
Un grupo de amigos come tranquilo no centro comercial do campus. Un mago achégase cunha proposta: “Fágovos un truco de maxia?”e senta con eles. Deste xeito tan atrevido presentou Dani García o seu espectáculo Acción que hoxe puxo en escena ante a comunidade universitaria. Mesa a mesa o mago coruñés foise gañando ao público que para cando comezou a súa actuación xa estaba preparado e cheo de curiosidade. Ilusionismo, xogos con cartas ou trucos con lume, porque todo ten cabida na actuación de García que busca amosar que “todo é posible”.

Aínda que ao principio as mesas presentaban o aspecto dun día normal a curiosidade fixo que pouco a pouco se encheran de estudantes, profesores, e mesmo os traballadores do Centro Comercial, que saían dos seus locais para ver os trucos que levaba a cabo o mago que axiña conseguiu sacar un sorriso ao seu público.

Teatro na rúa espera ao Capitán Maravilla

Esta representación forma parte da oferta cultural para o segundo cuadrimestre da vicerreitoría de Extensión Universitaria que busca, con accións de teatro na rúa, achegar as súas propostas a un público o máis amplo posible. A vindeira cita no Centro Comercial de Cidade Universitaria será 4 de maio, cando o Capitán Maravilla, co seu Mono A Mono B volva traer ao campus o humor, as acrobacias e os malabares.