DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pouco sol e moita curiosidade no debut do 'Campus do Mar na praia'

O concelleiro de Medio Ambiente coruñés, Enrique Luis de Salvador, acudiu á inauguración dos obradoi

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 12/08/2011

Pistoletazo de saída a un mes cheo de lecer e ciencia a partes iguais alí onde sempre hai máis xente en verán: os areais. Os obradoiros do Campus do Mar na praia comenzaron hoxe a súa aventura con tres días ocupando uns 250 metros cadrados de Riazor, en A Coruña. Para a inauguración oficial o concelleiro de Medio Ambiente e Sanidade da corporación coruñesa, Enrique Luis de Salvador, e ao director da área de Transferencia do Campus do Mar, Luis Fernández, que puideron gozar dos primeiros minutos dunha iniciativa que ten como obxectivo facer unha campaña de divulgación científica e tecnolóxica mariña a gran escala. O escaso sol co que amencía o norte de Galicia non foi impedimento para que un bo puñado de curiosos de todas as idades se achegaran ata as instalacións do Campus do Mar para coñecer de primeira man a iniciativa.

Máis de 9000 persoas ao longo do mes

Tras tres días en Riazor, os obradoiros trasladaranse a outras das dúas praias máis multitudinarias de Galicia: a Baltar, en Sanxenxo, onde estará entre o 19 e 21 de agosto, e a Samil entre o 26 e o 28 de agosto. En total, unhas 9000 persoas de todas as idades gozarán dunhas iniciativas postas en marcha para incrementar o coñecemento que a sociedade ten sobre o medio mariño.

Cunha metodoloxía atractiva, estes obradoiros interactivos chegan ao principal lugar de lecer do verán integrados en distintos módulos de divulgación. Os participantes recibirán ao comezo da actividade un pasaporte científico que deben ir selando ao finalizar cada actividade para, unha vez completado, cambialo por un obsequio para levar de recordo. Aínda que para conseguilo terán que pasar por nove obradoiros: Investigador por un día; Que hai nunha pinga de auga?; As augas viaxeiras; Cantos cumpre?; O pescado en cada lado; As novas tecnoloxías aplicadas ao medio mariño; Raia Observa; A importancia das dunas e Xestión Integrada da Zona Costeira.